Vilagarcía amplía a 90 minutos a gratuidade dos seus aparcadoiros soterrados

O Salnés
14 de febreiro 2026

A nova ordenanza tamén aumenta ata 3 horas a gratuidade para as entidades conveniadas. Haberá dous tipos de abonos de longa duración para automóbiles e un para motos e bicicletas

Parking da Praza Xoan XXIII Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía ultima a ordenanza que regulará a taxa polo uso dos aparcadoiros municipais soterrados de Xoán XXIII e o futuro parking da rúa Concha.

Este texto, conta con melloras significativas respecto ao borrador inicial, sendo a máis relevante a ampliación do tempo de estacionamento gratuíto para os vehículos censados no imposto de circulación do municipio.

Neste sentido, o uso do aparcadoiro de maneira gratuíta pasa de 60 a 90 minutos, ampliables até un máximo de 3 horas no caso de usuarios de entidades conveniadas que sumen outros 90 minutos bonificados.​

A aprobación definitiva da ordenanza levará ao Pleno municipal na sesión de febreiro ou de marzo, unha vez resoltos os informes técnicos e xurídicos.

Ademais da ampliación da gratuidade, a ordenanza fixa unha táboa de prezos cualificada polo concello como "alcanzable" e establece bonificacións para estacionamentos de longa duración.

O obxectivo, sinalan desde o Concello, é ofrecer alternativas céntricas e accesibles que faciliten a mobilidade e contribúan a aliviar o tráfico.​

Unha vez superado o tramo gratuíto, a taxa aplicarase por minuto a un prezo de 0,013 euros, o que sitúa a hora de estancia en 0,78 euros e fixa en 18,66 euros o máximo diario por 24 horas de aparcadoiro.

A ordenanza establece dous tipos de abonos de longa duración para automóbiles, de 15 e 30 días, en modalidades de 12 ou 24 horas. O abono quincenal custará 55,96 euros para xornada completa e 44,77 para media xornada, mentres que o mensual terá un prezo de 74,51 e 59,69 euros, respectivamente.​

No caso de motocicletas e bicicletas establécese un único abono mensual de 24 horas, cunha taxa de 37,31 euros para as primeiras e de 14,92 euros para as segundas.

O estacionamento non contará con prazas reservadas salvo para titulares dos abonos.

O texto tamén prevé a firma de convenios con entidades para que os seus clientes ou usuarios gocen de 90 minutos gratuítos de aparcadoiro, que se sumarán, no caso de vehículos censados en Vilagarcía, aos 90 minutos xa bonificados, alcanzando así até 3 horas sen custo.​

Os usuarios, ademais, terán unha marxe de 15 minutos para abandonar as instalacións unha vez abonada a taxa.

O acceso aos aparcadoiros realizarase mediante cartón magnético, que se obterá despositando unha fianza e que permitirá integrar o uso cos novos equipos de xestión, control de accesos, pago e videovigilancia, en cuxa contratación o Concello investirá 123.000 euros.​

O procedemento de licitación destes equipos está a piques de resolverse e, unha vez asinado o contrato, a empresa adxudicataria disporá de tres meses para fornecelos e instalalos.

Unha vez póñase en marcha, a ordenanza entrará en vigor e empezarán a aplicarse as gratuidades e tarifas reducidas.

A implantación realizarase primeiro no aparcadoiro de Xoán XXIII, xa xestionado polo Concello, e posteriormente no da Concha, unha vez quede liberado para uso público tras o traslado do depósito de vehículos da Policía Local á parcela municipal de Pousadoiro.​

Esta ordenanza enmárcase na estratexia de mobilidade sostible 'Vaicar!' que impulsa o Concello de Vilagarcía e que inclúe, ademais da municipalización do parking da praza de Xoán XXIII e a futura apertura ao público do da Concha, unha ampla rede de aparcadoiros disuasorios gratuítos en zonas estratéxicas do municipio.

Actualmente esta rede ofrece unhas 2.400 prazas e está previsto que nos próximos meses súmense outras 300 cos novos estacionamentos proxectados nos Duráns e en Carril.