Sae a licitación a xestión tecnolóxica do parking Xoán XXIII de Vilagarcía

O Salnés
01 de outubro 2025
Actualizado: 8:47

A modernización permitirá aplicar descontos aos veciños e ampliar os horarios de funcionamento

Parking da Praza Xoan XXIII
Parking da Praza Xoan XXIII / Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía convocou a licitación para renovar integralmente o sistema de xestión do aparcamento Xoán XXIII, cun investimento de 123.000 euros.

O prazo para que as empresas presenten as súas propostas remata o 15 de outubro a través da Plataforma de Contratación do Estado.

A modernización contempla a substitución completa dos sistemas de control, accesos, pagamentos e videovigilancia desta infraestrutura de tres plantas con capacidade para 240 vehículos.

O proxecto inclúe tamén a instalación dun novo sistema de interfonía e a migración de toda a información do sistema anterior.

Tras asumir a xestión directa do aparcamento en 2024, o goberno local pretende facilitar a mobilidade no centro urbano mediante a implantación de bonificacións para os vilagarciáns e incentivos para quen realice compras no comercio local.

A renovación tecnolóxica tamén permitirá ampliar os horarios de funcionamento.

O contrato establece un prazo de execución de tres meses e inclúe a formación do persoal municipal que se encargará da xestión. Neste sentido, nos próximos orzamentos preveuse a convocatoria dunha praza pública para estas tarefas.

Esta actuación enmárcase na liña de mellorar a mobilidade urbana, que tamén inclúe a rede de aparcamentos disuasorios gratuítos Vaicar!