Vilagarcía aspira a captar 1,44 millóns de euros da UE para mellorar a accesibilidade da cidade

O Salnés
21 de xuño 2026

Coa presentación desta candidatura, Vilagarcía pretende continuar coa transformación do seu modelo urbano, apostando por unha mobilidade máis inclusiva e adaptada ás necesidades da poboación

Casa do Concello de Vilagarcía
Casa do Concello de Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía de Arousa presentou unha candidatura á cuarta convocatoria europea de Proxectos de Accións Innovadoras, un programa financiado con fondos FEDER que busca apoiar iniciativas urbanas destinadas a afrontar novos retos mediante solucións tecnolóxicas, sociais e ambientais.

A proposta municipal, denominada “Solucións de Innovación Social e dixital para a Mobilidade Sostible e Inclusiva de Vilagarcía de Arousa”, conta cun orzamento total de 1,8 millóns de euros.

En caso de recibir a aprobación da Unión Europea, o financiamento comunitario cubriría o 80% do investimento, cunha achega de 1.442.400 euros, mentres que o Concello asumiría os 360.000 euros restantes.

O proxecto pretende avanzar cara a un modelo urbano máis accesible, seguro e conectado, reducindo as barreiras existentes para os desprazamentos a pé e favorecendo a integración entre o centro da cidade, as zonas periféricas e os núcleos rurais.

A iniciativa aposta pola combinación de novas tecnoloxías, participación cidadá e medidas orientadas a unha convivencia equilibrada entre os distintos sistemas de transporte.

Un dos principais bloques de actuación será a mellora da accesibilidade urbana, ao que se destinaría a maior parte do investimento, con 1,4 millóns de euros previstos para obras de ampliación e adaptación de beirarrúas.

O obxectivo é crear itinerarios peonís máis cómodos e seguros, eliminando obstáculos e procurando que estes espazos dispoñan dun ancho adecuado para garantir a mobilidade das persoas.

O plan articúlase en tres grandes áreas. A primeira céntrase na accesibilidade universal e contempla actuacións físicas sobre o espazo público, especialmente nos percorridos peonís.

A segunda aposta pola seguridade e pola mobilidade alternativa, mediante medidas destinadas a mellorar a conexión coas zonas afastadas do núcleo urbano e impulsar sistemas de transporte máis sostibles e con menos dependencia do vehículo privado.

Dentro desta segunda liña tamén se inclúen accións de sensibilización para promover un uso máis responsable dos espazos compartidos entre peóns, bicicletas e outros medios de desprazamento.

A terceira área convertería a participación veciñal nun elemento central a través dun Laboratorio Cidadá de Mobilidade Accesible, un espazo de colaboración no que participarían persoal técnico municipal, asociacións e colectivos sociais. A iniciativa busca incorporar a visión da cidadanía no deseño de futuras infraestruturas e impulsar unha rede de corredores peonís periurbanos seguros e zonas de convivencia.

Para o desenvolvemento desta fase está prevista a colaboración de entidades especializadas como COGAMI e o Clúster TIC Galicia, dentro dun proceso de traballo coordinado polo Concello.

A resolución da convocatoria corresponderá agora á Comisión Europea. Se o proxecto resulta seleccionado, as actuacións deberían executarse entre marzo de 2027 e febreiro de 2029.

O goberno local confía en manter a liña de captación de fondos europeos iniciada nos últimos anos a través de programas como EDUSI, Next Generation, PSTD, Plan MOVES ou EDIL. Segundo os datos municipais, estas convocatorias permitiron mobilizar máis de 12 millóns de euros en axudas europeas, que xunto coas achegas locais facilitaron investimentos próximos aos 15 millóns de euros na cidade.