A comitiva pontevedresa do Revitaliza que viaxou a País Vasco, Navarra e Cataluña está de volta á provincia "totalmente impresionada" polos resultados "espectaculares" que supón a recollida de residuos 'porta a porta' á hora de mellorar as cifras de selectiva e reciclaxe.
Nos 10 municipios e comarcas visitados durante esta semana con diferentes variables do modelo as cifras son brillantes, ningún baixa do 70%, e os concellos de Vilagarcía e O Grove tomaron conta do recado aínda sendo prudentes sobre como podería aplicarse na práctica nos seus municipios.
O responsable de Servizos en Vilagarcía Lino Mouriño recoñeceu que o sistema 'porta a porta' de recollida é o mellor posible, aínda que para os municipios que levan a dianteira aínda xera problemas e non é efectivo ao cento por cento. O concelleiro apuntou que os concellos visitados na viaxe explicaron claramente que hai unha dificultade clara na implantación pola necesidade de complicidade da cidadanía, pero destacou que se trata dunha cuestión de aprendizaxe. "Estou ilusionado porque sei que se queremos faise, porque outros son capaces de facelo (...). Outra cousa é que a veciñanza queira", subliñou.
Como posibilidade, o edil deixou aberta a posibilidade de comezar na implantación do sistema implicando principalmente aos grandes e produtores singulares, cos que sería máis fácil actuar. En calquera caso, para Mouriño a chave para que o sistema puidera funcionar sería, ademais de que houbera vontade, que a veciñanza se sentise "controlada" de non facer correctamente a reciclaxe.
Pola súa banda, a responsable de Medio Ambiente do Concello de O Grove, Ángeles Domínguez, subliñou que a viaxe do Revitaliza foi "moi aproveitable". Subliñou que o concello ten unha base sobre a necesidade de facer tratamento de orgánica e recollida selectiva "e esta semana serviu para ter máis coñecemento do ensaio-erro noutras localidades".
Segundo Domínguez O Grove seguirá loitando e intensificará o tratamento da orgánica en composteiros comunitarios de maneira local para facer unha recollida o máis pequena posible desta fracción. Segundo subliñou, a recollida 'porta a porta' ten que analizarse e valorarse de maneira prudente polo seu alto custe, pero destacou que podería ser "interesante" iniciala cos produtores singulares sobre todo da hostalería, dada a problemática da estacionalidade que sufre o municipio.
"Aos grandes produtores temos que tratalos dunha maneira diferente á actual. Temos que ser valentes cos restaurantes, os campings, hoteis...", destacou, en relación aos consellos que deron dende País Vasco, Navarra e Cataluña de afrontar con valentía as decisións complicadas para implantar o modelo e cumprir os obxectivos de reciclaxe.