As bandeiras azuis volven ondear desde este mediodía en dúas praias de Vilagarcía de Arousa, as de Campanario-Bamio e Compostela.
O alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, foron os encargados de izar o pano na praia urbana de Vilagarcía, un espazo revitalizado cos proxectos de mellora executados nos últimos anos na zona de baño e na súa contorna.
O acto celebrouse cos primeiros bañistas aproveitando a soleada mañá no areal vilagarcián, e coa presenza dos socorristas, que onte mesmo (1 de xullo) comezaron a prestar servizo nesta praia, ao igual que nas de Bamio e do Preguntoiro.
Polo de agora, o Concello conta con once dos doce socorristas necesarios para cubrir os tres areais, xa que un dos que pasou as probas, finalmente renunciou.
Nos seguintes días farase outro proceso de selección para cubrir esta vacante. Mentres, o servizo prestarase sen problemas co reforzo de Emerxencias.
Tras o izado da bandeira, Varela comentou que a renovación do distintivo nesta praia, ademais de supoñer un importante reclamo turístico e de imaxe para a cidade, é o recoñecemento ao traballo realizado para mellorar as condicións das augas e os servizos.
"A Compostela de hoxe dista moito da que era hai quince anos", subliñou o alcalde, que presumiu dunha praia "dinamizada e chea de vida" durante todo o ano.
De cara ao futuro inmediato, apuntou á demolición das naves do Ramal como "o que faltaría por mellorar para abrir definitivamente Vilagarcía ao mar e completar esa entrada aos areais urbanos a través dun espazo para o desfrute público".
O rexedor dixo "sentirse moi orgulloso, como vilagarcián que son", de volver ver ondear as bandeiras azuis no Campanario e na Compostela, e asegurou que o Concello seguirá traballando para recuperala tamén para o Preguntoiro "máis pronto que tarde".