Vilagarcía recupera a Romaría dos Maiores e trasládaa ao outono

O Salnés
20 de xullo 2026

A Romaría dos Maiores regresará a Vilagarcía o 10 de outubro tras a súa suspensión en 2025. O evento volverá cunhas 500 prazas e novidades nas inscricións

Romaría dos Maiores en Vilagarcía
Romaría dos Maiores en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

A sempre esperada Romaría dos Maiores de Vilagarcía xa ten data. Será o sábado 10 de outubro, no recinto multiusos de Fexdega.

Cumpriranse así dous compromisos adquiridos polo goberno local: o de, recuperar o evento despois da suspensión de 2025; e o de trasladalo ao outono, evitando as altas temperaturas de anteriores edicións, normalmente en xuño.

Unha vez pasado o verán, abrirá o período de inscrición, coa previsión de ofertar ao redor de cincocentas prazas.

Como sempre, haberá catering, animación musical e, ao final, un baile.

Como novidade, nesta edición os acompañantes das persoas anotadas deberán pagar o prezo enteiro no caso de que non estean empadroadas en Vilagarcía.

Os que si o estean, sexan os maiores de 65 anos ou sexan acompañantes, terán dereito a unha bonificación, de forma que abonarán só ao redor dun terzo da tarifa.

A Romaría dos Maiores ten tras de si case corenta anos de tradición.

A de 2025 foi a única que non se celebrou e iso debeuse a que coincidiu coa entrada en vigor das novas tarifas do servizo de axuda ao fogar.

Isto obrigou a optimizar as partidas destinadas aos servizos sociais e decidiuse aprazala primeiro e, máis adiante, suprimila.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora