Vilagarcía de Arousa consolida o seu crecemento poboacional. Así o acreditan os datos que, de maneira provisional, vén de publicar o Instituto Nacional de Estatistica (INE).
A previsión do organismo estatal fixa en 38.168 as persoas empadroadas na cidade a 1 de xaneiro de 2026. Son 280 máis que as rexistradas en 2025.
Esta cifra é provisional e podería sufrir algunha variación tras contrastar as altas coas baixas rexistradas no padrón do Concello, recoñecen desde o goberno municipal.
Con todo, o executivo que lidera Alberto Varela celebra que estes datos "non son casuais", xa que consolida a evolución ao alza da poboación vilagarciá nos últimos sete anos.
Dos 37.456 habitantes de 2019 pasouse aos 37.888 de 2025 (432 máis) e de manterse a cifra provisional para 2026 o crecemento cifraríase en 712 persoas nese período.
Para Varela, os números sinalados polo INE apuntalan a posición de Vilagarcía como foco de atracción de poboación, algo que vincula ao "clima de prosperidade" que vive o municipio.
"Vilagarcía é unha vila atractiva e confortable para vivir grazas ás humanizacións e á recuperación de espazos públicos degradados e goza dun espectacular dinamismo social e cultural", sostivo o rexedor.
Entende que esta situación "é consecuencia das políticas que se están desenvolvendo a nivel local" e que están a facer, ao seu xuízo, que Vilagarcía estea a atravesar unha boa situación económica e teña unha ampla oferta de servizos e infraestruturas.
Os máis de 38.000 habitantes consolidan a Vilagarcía como a novena cidade máis poboada de Galicia, só superada polas sete grandes e por Narón.