A rehabilitación e musealización do Centro de Interpretación da Telleira, en Vilalonga, xa terminou.
O edificio foi construído en 2003 e está situado no Complexo Intermareal Umia-O Grove, un ecosistema de gran valor ecolóxico que forma parte da Listaxe de Humidais de Importancia Internacional (Ramsar).
Esta actuación integral permite recuperar o inmoble para os usos previstos orixinalmente, pero con melloras orientadas a reforzar os seus estándar ambientais interiores e a súa eficiencia enerxética, grazas, entre outras medidas, á instalación de climatización interior.
O centro conta agora cunha redistribución completa dos seus espazos para adaptalos a actividades de divulgación, educación ambiental e atención ao público.

Entre as novas dependencias está incluídas unha oficina de Medio Ambiente, a sede de SEO BirdLife, unha sala de exposición permanente, unha sala multiusos, un espazo para talleres de interpretación, un almacén, un centro de documentación, unha sala audiovisual, unha sala de exposición itinerante, unha tenda temática e aseos.
A musealización incorpora ademais un percorrido centrado na historia e o valor natural da contorna, co antigo forno da Telleira habilitado como zona audiovisual na que se explica o proceso de elaboración do barro e a vinculación da parroquia coa extracción de arxila.
O proxecto inclúe tamén tres espazos de xogo para que os nenos experimenten coa construción e a observación microbiológica, xunto cunha maqueta con relevo sobre a que se proxectan distintos puntos de interese da zona. A iso súmanse paneis e mesas explicativas dedicadas á fauna, a flora e a riqueza ornitolóxica do espazo natural.
O centro completa a súa proposta inmersiva cunha ambientación sonora baseada en aves da contorna, recreando unha paisaxe natural no propio interior do edificio.