Vilanova de Arousa convida a gozar da Festa do Mexillón e do Berberecho

O Salnés
08 de agosto 2024

Ao longo desta fin de semana, miles de persoas desfrutarán destes dous produtos tradicionais da gastronomía galega na carpa instalada na Praza do Castro

Inauguración da Festa do Mexillón e do Berberecho
Inauguración da Festa do Mexillón e do Berberecho / Xunta de Galicia

Vilanova de Arousa inaugurou este xoves a XXX Festa do Mexillón e do Berberecho.

Ao longo desta fin de semana, miles de persoas desfrutarán destes dous produtos tradicionais da gastronomía galega na carpa instalada na Praza do Castro.

No acto inaugural acompañaron ao alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez, xunto cos deputados provinciais Nava Castro e Javier Tourís, que tamén é tenente de alcalde na vila arousana.

Todos eles acompañaron aos centos de persoas que se achegaron a degustar os moluscos na primeira xornada duns festexos que continuarán ata o vindeiro domingo, cando terá lugar o tradicional acto de entrega de insignias. 

José López Campos destacou que esta festa supón "unha posta en valor da nosa riqueza gastronómica e dun sector, o do mar, que é clave na cultura e identidade de Galicia".

O conselleiro felicitou aos responsables da organización pola trixésima edición dunha celebración "con gran repercusión no calendario galego" e que ofrece alternativas paralelas como concertos e unha feira de oportunidades coa participación de vinte comercios locais.

Pola súa banda, a vicepresidenta provincial animou a veciños e visitantes a "celebrar a gastronomía pontevedresa arredor de dous dos nosos produtos estrela e participar na alegría compartida que supoñen as festas no verán pontevedrés". 

Ademais da carpa gastronómica, a Festa do Mexillón e do Berberecho contará con outras propostas como os concertos de Panorama, Antonio Barros & Lis Pardo e Roi Casal.