Vilar e Bon estrean farois eficientes que suporán un aforro de 4.500 euros anuais

Bueu
31 de agosto 2022

O Concello de Bueu substituíu dezasete farois en Bon e outros oito en Vilar, adaptándoos á tecnoloxía LED, o que permitirá mellorar este servizo público ao tempo que se logra unha maior eficiencia enerxética

Farois con eficiencia enerxética no lugar de Bon, parroquia de Beluso (Bueu)
Farois con eficiencia enerxética no lugar de Bon, parroquia de Beluso (Bueu) /

O Concello de Bueu acaba de renovar dous tramos de alumeado na parroquia de Beluso, nos lugares de Bon e Vilar.

En concreto, substituíronse dezasete farois en Bon e outros oito en Vilar, adaptándoos á tecnoloxía LED, o que permitirá mellorar este servizo público ao tempo que se logra unha maior eficiencia enerxética.

Os traballos que se levaron a cabo consistiron na renovación de farois modelo villa e con potencias de entre 150 e 200 vatios e vapor de sodio, por outras luminarias de sistema led e dun consumo de 42 vatios. Segundo informan fontes municipais, o obxectivo era substituír un material antigo e deteriorado que ocasionaba diversos problemas de avarías, así como un excesivo consumo enerxético e un custo económico innecesario que había que corrixir.

Félix Juncal, alcalde de Bueu e concelleiro de Obras e Servizos, salienta que "estas obras son especialmente necesarias na actualidade, porque o custe da enerxía sube cada día" e para avanzar no cumprimento das medidas contempladas no Pacto das Alcaldías Polo Clima e a Enerxía (PACE) ou a Axenda 2030. Só con esta actuación en Vilar e Bon o Concello de Bueu calcula que as arcas municipais aforrarán ao ano aproximadamente 4500 euros.

A substitución de luminarias continuará nos próximos meses. De cara a finais de outono, o alcalde de Bueu confía en que se poida levar a cabo a execución do programa IDAE II coa Deputación de Pontevedra, que permitirá a renovación da iluminación en varias zonas da vila, concretamente de Pazos Fontenla, Montemogos, Pousada e Banda do Río.