O goberno municipal de Caldas de Reis une as súas forzas coa hostalería do municipio para promocionar e dar visibilidade a un dos seus grandes atractivos turísticos: os máis de cen quilómetros de sendas que hai polos espazos naturais.
Ao igual que en anos anteriores, o Concello e a asociación de hostaleiros impulsan esta campaña de promoción para dar a coñecer as oito sendas, perfectamente habilitadas para percorrer a pé ou en bicicleta, polas diferentes parroquias.
Así, estanse a repartir máis de 20.000 unidades de manteis de papel entre todos os negocios hostaleiros, así como mapas en hoteis e establecementos comerciais, nos que se inclúe un código QR con toda a información sobre estes espazos.
Coñecer estas sendas, segundo o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, "é o plan perfecto para gozar da nosa vila en calquera época do ano", sumado á posibilidade de gozar coa gastronomía local, aloxarse na vila termal ou facer compras.
Desde o seu impulso a través da plataforma Wikiloc, engadiu o rexedor, "percibimos un importante incremento de persoas que percorreron estes roteiros", que permiten coñecer o rural desde unha perspectiva diferente.
As sendas son a Ruta das Pedras (13,36 quilómetros), Camiño e Bosque (14,24 quilómetros), Arcos (15,02 quilómetros), Fábrica da Luz e San Andrés de Cesar (11,70 quilómetro), Ruta dos Campaneiros (8,90 quilómetros), Ruta pola Vía Verde (14,06 quilómetros), Fervenza de Segade (15,50 quilómetros) e Godos (15,41 quilómetros).
Para Jacobo Pérez, estes espazos "son a forma perfecta para coñecer a nosa riqueza patrimonial e paisaxística e nosa tradición e esencia como pobo”, ao combinar elementos arquitectónicos históricos, fervenzas e árbores milenarias.
As ruinas da Fábrica da Luz, o río Segade, a Ponte Romana ou o Monte Xiabre son só algúns dos atractivos que os visitantes poden atopar nestas sendas.
O rexedor caldense reafirmou o compromiso do Concello á hora de traballar coa hostalería e o comercio local para continuar promovendo iniciativas para desestacionalizar e consolidar Caldas como un destino atractivo durante todo o ano.