Desde este xoves xa están despregadas as patrullas da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable (Brilat) que vixiarán os montes desde esta medianoite dentro da "Operación Centinela Gallego 2016", desde o 15 xullo e ata o 15 de setembro.
O continxente militar está composto por 20 unidades que realizarán o seu labor de prevención e vixilancia nun total de 32 municipios, repartidos nun total de sete distritos forestais, o que non quita que se cubran outros concellos que se atopen dentro do alcance visual das patrullas ou na súa zona de tránsito.
Con todo, segundo precisaron desde a Brilat, pódese modificar a zona de despregamento cando a situación o aconselle por aparecer novas zonas de risco, previa solicitude da Xunta.
Xunto ao xeneral da Brilat, Luís Cebrián Carbonell, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, asistiron este xoves ao acto de saída oficial das patrullas na Base Xeneral Morillo, na localidade pontevedresa de Figueirido.
Cebrián Carbonell é o comandante da forza despregada e responsable militar no campo, e o seu cuartel xeral é o órgano responsable para o plan e condución da operación que se activa inicialmente nun nivel de esforzo medio o que supón un total, entre o persoal das patrullas e o de seguimento da operación, de ao redor dun centenar de militares implicados diariamente.
Cabe destacar que en 2015 participaron ao longo de toda a operación preto de 600 militares, e realizáronse máis de 700.000 quilómetros.
Como novidade este ano, a capacidade de vixilancia aérea no nivel medio reforzarase con drons pilotados por control remoto, con misións de vixilancia e disuasión.
A aeronave é un modelo Raven que se lanza coa man e é propulsada cun motor eléctrico cunha autonomía de 90 minutos. Cobre unha distancia duns 10 quilómetros desde unha altura de entre 30 e 350 metros e vai equipado no morro con dous cámaras, que poden ser de visión nocturna, o que dá unha valiosa información en directo con imaxes e coordenadas da zona pola que voa.
O ano pasado xa se despregou este drone realizando un total de 40 voos.