O IES Sanxenxo inaugurou este mércores o programa 'Querernos ben', unha acción educativa impulsada polo Concello contra a violencia de xénero.
Busca traballar a educación afectivo-sexual en talleres a través da coeducación afectivo-sexual, que é a didáctica da igualdade de xénero.
A actividade contará con profesionais cualificados e formados, cunha programación específica e supervisada polas profesionais do CIM combinando teoría, material audiovisual e dinámicas e xogos para reforzar a aprendizaxe nun contexto máis distendido e ameno.
Trátase dun proxecto das concellarías de Servizos Sociais e Maiores, a través do CIM, e de Educación e está orientado ao alumnado de de sexto de Primaria e segundo de ESO.
Este proxecto está dividido en diversas accións co alumnado dos centros: CEIP Cruceiro de Vilalonga, CEIP Magaláns, CEIP Nantes, CEIP A Florida, CEIP Noalla, IES Sanxenxo, IES Vilalonga, CEIP Portonovo e colexio plurilingüe Abrente.
O proxecto parte da idea de que a educación afectivo sexual continúa sendo un gran tabú nas familias e que a falta de información é un dos motivos polos que os adolescentes carecen de contidos axeitados para comezar os alicerces das relacións afectivo sexuais de forma saudable.
A programación contará con tres sesións orientadas ao alumnado: 'Así, así non', 'Atopar as desigualdades' e 'O normal, o natural'.
'Así, así non' porá en marcha un consultorio de educación sexual a través dunha caixa de correos para que poidan achegar todas as dúbidas.
'Atopar as desigualdades' centrarase nas relacións baseadas no respecto e no rexeitamento de posicións de dominación e submisión, sinalando as violencias invisibles.
'O normal, o natural' buscará desmitificar a estandarización comercial dos corpos en contraposición coa realidade da natureza, centrándose na aceptación dos corpos propios e alleos. Porase o foco na corresponsabilidade nas relacións afectivo-sexuais para previr enfermidades, embarazos e violencias.
Tamén se destinará unha sesión ás familias onde se traballarán os contidos do proxecto coas familias do alumnado.