Ante o aumento das consultas derivadas do coronavirus, os profesionais sanitarios ven como os equipos de protección non alcanzan a cubrir todas as necesidades. É o caso do centro de saúde de Marín, que buscou axuda en particulares para manter ao seu persoal salvagardado con viseiras de protección.
O seu Punto de Atención Continuada foi o receptor do labor solidario de dous profesores do colexio Sagrado Corazón de Praceres, Pedro Landín e Elisardo Vilas, que canalizan o seu traballo a través da comunidade colaborativa Coronavirus Makers.
Primera entrega de máscaras hechas con impresora 3D en PAC de Marín #YoMeQuedoEnCasa#EsteVirusLoParamosUnidospic.twitter.com/nNnsREk4Fc
— ElVilas (@Elvilas_lp) March 30, 2020
Pedro Landín, que é profesor de tecnoloxía, explícanos este proceso:
"Primeiro baixamos os deseños, porque os van actualizando, e imprimimos. Entón temos que meter as viseiras que vaiamos imprimindo en bolsas con peche tipo zip, de cinco en cinco, e a medida que as imos tendo achegalas ás farmacias. Temos que encher un formulario conforme cantas entregamos e en que farmacia. Unha vez entregada alí, a xente de Cofano -a cooperativa distribuidora de produtos farmacéuticos- recólleas e dállas ao 061 que é quen logo as leva a unha nave loxística e encárganse de inventariar e facer a distribución aos distintos centros".
No caso do PAC de Marín coñeceron cal foi o destino das súas viseiras porque o centro de saúde compartiu a fotografía. No resto das entregas, saben que a axuda está a ser efectiva pola colaboración e seguimento que realizan todos os axentes implicados nesta cadea humanitaria.
Para esta acción solidaria, o colexio Sagrado Corazón de Praceres cedeu a impresora do centro, que é a que usa o profesor Elisardo Vilas. Pola súa banda, Pedro Landín achega o seu propio equipo e os custos de materiais "agora mesmo é o de menos, tampouco é que custe moito, o único malo é que leva moito tempo imprimir. Segundo o modelo, cada viseira pode levar entre unha hora e hora e media".
Este labor altruísta compaxínana coas clases online e o seguimento do alumnado. E, como non, animan a calquera persoa que teña unha impresora 3D a poñerse en contacto cos Coronavirus Makers, que xa contan con máis de 1.800 colaboradores en Galicia.
O traballo consiste en só imprimir as viseiras e levalas á farmacia, do resto da montaxe encárganse na nave loxística: "por unha banda a viseira, que é os que facemos nós, e logo teñen moitas doazóns do que é a película transparente de PVC, máis gomas elásticas".