Xa está operativo o novo visor urbanístico de Poio

Poio
22 de novembro 2024

Permite consultar a información por parcelas catastrais de forma sinxela, gratuíta e de xeito inmediato, sen necesidade de esperas nin citas previas

Presentación do Visor urbanístico de Poio
Presentación do Visor urbanístico de Poio / Xunta de Galicia

O Concello de Poio presentou este venres unha nova ferramenta que permite consultar a situación urbanística por parcelas catastrais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM),

O visor urbanístico xa está operativo desde a web concellopoio.gal/urbanismo e dá acceso ao cidadán e aos profesionais a esta información de forma sinxela, gratuíta e de xeito inmediato, sen necesidade de esperas nin citas previas.

A presentación desta ferramenta tivo lugar este venres nun almorzo no Pazo de Colón, ao que asistiron o alcalde, Ángel Moldes, a directora xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, e a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón.

Contou ademais con preto de cen asistentes, entre representantes das asociacións de veciños, arquitectos, aparelladores, promotores, empresas construtoras e outros profesionais do sector de toda a comarca.

Moldes asegurou que o goberno local aposta por un urbanismo "áxil, útil e próximo á cidadanía", que estea ao alcance de todos dun xeito "totalmente accesible e transparente", e recoñeceu que investir nel é "fundamental" para o crecemento e desenvolvemento socioeconómico de Poio e para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Este novo visor urbanístico, desenvolto pola empresa Procat Ingeniería y Medio Ambiente, permite realizar consultas desde calquera dispositivo, ordenador, tablet ou móbil.

As parcelas pódense buscar por referencia catastral, dirección ou incluso xeolocalización, favorecendo así consultar a planificación urbanística desde calquera punto do territorio ou mesmo desde a propia parcela a través dun clic.

A información que se pode consultar inclúe, entre outros, a referencia, superficie, clasificación, afeccións, enlaces á sede do catastro, visualizacións de distintas cartografías ou á consulta da normativa completa ou descarga do arquivo en formato pdf.

A directora xeral de Urbanismo destacou que "dar transparencia ao urbanismo é básico para xerar confianza e seguridade xurídica, evitando suspicacias ante o descoñecemento en algo tan sensible como son as posibilidades edificatorias de calquera parcela".

"Queremos que o noso concello continúe medrando desde o respecto e o equilibrio, e para iso é fundamental o compromiso de todos", dixo o alcalde que anunciou que outra das intencións do goberno local é incorporar máis persoal ao departamento de urbanismo.