Os máis de 6.000 viticultores que adoitan vender uvas ás adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas acumulan non pagamentos dos seus produtos de ata catro anos. A "moitos" deles as adegas aínda non lles pagaron as que lle venderon durante a colleita do ano 2011 e, de media, cobran cun atraso de dous anos.
Así o deron a concer este martes o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; o responsable do sindicato na DO Rías Baixas, Manuel Ángel Dopazo; e o responsable comarcal de UGT, Ramón Vidal, nunha comparecencia na que alertaron de que estes atrasos nos pagamentos están a levar a moitos viticultores de Rías Baixas a "tirar a toalla", pois resúltalles inasumible asumir por si mesmos os custos de produción de ata tres colleitas sen cobrar ningunha. Tan só algunhas pequenas adegas pagan no ano aos seus provedores e a "situación xeneralizada" é o atraso nos aboamentos.
Esta dramática situación pola que pasa o sector é, se cabe, máis grave se se ten en conta que se produce nun momento en que a Lei de Cadea Alimentaria obriga ás adegas a asinar un contrato cos viticultores que lles vendan máis de 2.500 euros antes de cada vendima fixando aspectos como o prezo e a data de entrega das uvas. Dende que entrou en vigor esa normativa, o 1 de xaneiro de 2014, na DO Rías Baixas non se asinou ningún contrato.
Roberto García criticou que o Ministerio de Agricultura non tomase cartas no asunto a pesar de que en máis dun ano e medio ningún adegueiro cumpriu a lei e anunciou que dende Unións Agrarias "imos utilizar toda a forza que nos da lei para denunciar todas e cada unha das adegas que incumplen os contratos". Segundo indicou, non levará o tema aos xulgados, senón ante o órgano de control habilitado polo ministerio para o seguimento do cumprimento da lei.
Ademais de denunciar a ausencia de contratos, dende Unións Agrarias avanzan que "seremos belixerantes" con outro aspecto da lei, o que establece que o pagamento da uva debe facerse nun prazo máximo de 30 días. O sindicato admite que a interpretación da lei pode levar a pensar que eses 30 días se contan dende que se aprobe ao colleita e non dende a vendima, pero sinalan que, en todo caso, ese prazo non podería ir máis alá do 30 de xaneiro do ano seguinte á colleita e nunca con dous ou tres anos de atraso.
Roberto García recorda que non asinar os contratos debería levar consigo que se abrise expediente ás adegas e unha sanción inicial de 3.000 euros estipulada pola lei e, se se insiste nesa desobediencia, o ministerio debería aplicar sancións máis graves aos bodegueiros. No caso dos atrasos no pagamento, por normativa son sancións graves que deberían levar consigo sancións de entre 3.000 e 100.000 euros.