A terceira edición do campo de voluntariado Costa Azul, unha iniciativa que combina a limpeza e protección do litoral con actividades de ecoturismo e formación ambiental, volve reunir en Poio preto dunha vintena de mozas de entre 18 e 30 anos procedentes de toda España.
Impulsado polo Concello de Poio e a Xunta de Galicia, o obxectivo deste programa non é outro que contribuír activamente á limpeza e á protección do litoral de forma lúdica a través de actividades que permitan ao voluntariado coñecer a riqueza natural, paisaxística e cultural de Poio.
O alcalde da localidade, Ángel Moldes; e a concelleira de Xuventude, Tamara González, visitaron este luns ao grupo de voluntarios na súa primeira xornada de limpeza, que se desenvolveu na contorna do Miradoiro da Pinela.
Ángel Moldes agradeceu durante a súa visita a implicación duns mozos que, tal e como destacou, "elixen comprometerse coa limpeza e protección medioambiental durante as súas vacacións de verán".
A estancia do grupo, que está composto por participantes chegados desde comunidades como Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía ou Madrid, prolongarase até o próximo 3 de agosto.

Durante eses días realizarán diferentes actuacións de recollida de residuos, especialmente plásticos, en distintos puntos do municipio.
Ademais dos labores de limpeza, o programa inclúe un amplo calendario de actividades de lecer e ecoturismo con rutas en kaiak, paddle surf e longboard, así como visitas a espazos naturais e patrimoniais de Poio para coñecer o municipio desde unha perspectiva sostible.
Moldes lembrou que a contaminación, especialmente a provocada polos plásticos, afecta directamente o sector do mar, polo que fixo un chamamento á responsabilidade de toda a cidadanía.
Doutra banda cabe destacar que o campo de voluntariado incorpora sesións formativas sobre economía circular e as 7R co obxectivo de fomentar hábitos sostibles e concienciar á xuventude sobre a protección do medio ambiente.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.