Volve O Ganapán ao mercado

Pontevedra
30 de xuño 2020

Os obradoiros de gastronomía e arte para menores de 4 a 10 anos realizaranse en horario de mañá todos os sábados e domingos a partir do mes de xullo

Ludoteca do mercado de abastos de Pontevedra, O Ganapán
Ludoteca do mercado de abastos de Pontevedra, O Ganapán / Concello de Pontevedra

A ludoteca do Mercado de Abastos de Pontevedra, O Ganapán, reinicia en xullo a súa actividade estival con talleres gastronómicos e artísticos para os máis pequenos da casa. Este programa de lecer infantil destinado a menores de entre 4 e 10 anos, levará a cabo todos os sábados e domingos de 11 a 14 horas no primeiro piso do Mercado.

En dúas quendas de hora e media cada un para adaptar a actividade ás restricións derivadas da pandemia da Covid-19, os contidos dos talleres tratarán de profundar na cultura do mar e da terra. "Ademais promoverase a conciencia ecolóxica para salvar o futuro do noso planeta con actividades como a elaboración de xabóns ecolóxicos ou a confección de máscaras artísticas”, sinalou a concelleira de Promoción Económca, Yoya Blanco.

Os interesados en participar xa poden inscribir aos seus fillos con antelación na dirección de correo electrónico: [email protected].