Volve o programa de ximnasias a Bueu

Bueu
11 de setembro 2025

Esta edición comezará o 6 de outubro e ofrecerá 505 prazas distribuídas entre a Piscina Municipal das Lagoas, e os lugares de Beluso, Cela e Meiro

Actividade de ximnasia en Bueu
Actividade de ximnasia en Bueu / Concello de Bueu

A partir deste luns, ábrese o prazo de inscrición para participar no programa municipal "Manténdonos en forma", unha iniciativa pensada para fomentar o deporte e o benestar en toda a vila.

Esta edición comezará o 6 de outubro e ofrecerá 505 prazas distribuídas entre a Piscina Municipal das Lagoas, e os lugares de Beluso, Cela e Meiro.

Como sempre, as clases serán gratuítas e están dirixidas exclusivamente a persoas empadroadas en Bueu.

Hai dúas formas de apuntarse, dependendo do lugar onde se realicen as actividades.

Para as actividades na piscina, a inscrición deberá facerse de forma presencial e persoal nas propias instalacións. Mentres que para as clases en Beluso, Cela ou Meiro, o trámite poderá facerse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede electrónica, enchendo o formulario habilitado para iso.

O programa conta con 400 prazas na Piscina Municipal, 60 en Beluso, 30 en Cela, 15 en Meiro, e ademais, 50 prazas específicas para persoas con mobilidade reducida ou con párkinson.

O concelleiro de Deportes, Ricardo Verde, destaca que desde o Concello manteñen a aposta por este programa, que conta cunha gran acollida e achega o deporte e a saúde os veciños de todas as idades.

Esta proposta enmárcase dentro da estratexia municipal "Bueu Saudable", que cada ano gaña máis participación e que inclúe tamén charlas sobre hábitos de vida saudable e actividades de deporte adaptado.

E como novidade para este curso, a finais de setembro regresan tamén as clases de piscina para mulleres embarazadas, organizadas en colaboración co Centro de Saúde de Bueu.