A directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, realizou este martes unha visita á lonxa de Bueu para coñecer os proxectos realizados polo pósito ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.
Alí destacou que este mesmo ano a Confraría de Bueu foi beneficiaria destes apoios autonómicos para o desenvolvemento dunha iniciativa de mellora dos servizos de comercialización da pesca costeira artesanal realizando unha completa renovación das instalacións de estabulación do marisco para incluír criterios de eficiencia enerxética e dos recursos.
Esta acción, que suporá un investimento de 139.000 euros, ten como obxectivos poñer en valor a importancia da pesca artesanal, a través da divulgación da sustentabilidade e da importancia desta actividade extractiva así como concienciar da importancia da conservación do medio para garantir a sustentabilidade dos recursos.
Tamén facilitar a comprensión da contorna da lonxa aos escolares e a tódalas persoas coa guía didáctica "Ondas e redes: a viaxe do mar á terra", traballando dende o contexto mariñeiro e abordando dende o día a día na lonxa ata métodos e estratexias para coidar os nosos litorais e océanos.
Ademais, pretende visibilizar o papel da muller no sector pesqueiro cunha xornada de homenaxe organizada por AMEI Ría de Pontevedra.
A directora xeral destacou que o pósito foi beneficiario desta liña de axudas no 2024 por importe de máis de 141.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética no proceso de clasificación do polbo e a accesibilidade da lonxa.
O proxecto permitiu dotar a rula dunha nova máquina de clasificado de cefalópodos en resposta ás necesidades actuais do sector.
Por outra banda, supuxo insertar un novo programa informático para a unidade de clasificado que se incorpore ao sistema de xestión existente no resto da lonxa, co fin de mellorar a trazabilidade do produto e permitir obter un maior número de datos de capturas.