Volven precintar a tapería de Combarro que abre sen licenza de actividade

Poio
04 de xullo 2026

O establecemento xa fora precintado en agosto de 2025 por carecer de licenza. Ten un amplo historial de denuncias urbanísticas e sanitarias acumuladas durante a última década

Precinto da tapería 'La Terraza Chill Out' en Combarro

Novo operativo en Combarro contra a tapería 'La Terraza Chill Out'. A Policía Local de Poio volveu precintar este establecemento por abrir ao publico sen licenza de actividade.

O requirimento policial, iniciado tras unha inspección de disciplina urbanística, inclúe ademas unha orde para o baleirado do local e a retirada de todo o mobiliario.

Esta tapería, situada na Rúa 3 de Combarro, xa fora precintada en agosto de 2025 por carecer de licenza, por incumprimentos urbanísticos e por un amplo historial de denuncias por molestias, ruídos, cheiros, fumes ou apropiación indebida de espazo público.

Pouco despois daquel primeiro precinto, a propietaria rompeu os selos e reabriu o establecemento ao público, feitos polos que foi denunciada por desobediencia grave á autoridade. Este procedemento xudicial continúa actualmente en curso.

Ademais, durante este tempo a Consellería de Sanidade tamén decretou o peche sanitario do local tras detectar varias deficiencias e incumprimentos das condicións hixiénico-sanitarias nas que traballaba.

De forma paralela á vía penal, o Concello de Poio mantivo aberta a vía administrativa, impuxo multas coercitivas e continuou tramitando as medidas necesarias para facer cumprir a legalidade, neste caso con este novo decreto de peche e precintado.

O operativo para executar o precinto contou coa presenza das concelleiras de urbanismo e seguridade cidadá, Rocío Cochón e Maritxe González, do secretario municipal, dun avogado, de axentes da Policía Local e de operarios municipais.

Tras esta nova actuación, Rocío Cochón recordou que o Concello de Poio vai seguir facendo "todo o que estea nas nosas mans" para facer cumprir a lei.

As administracións, lembrou a edil, teñen instrumentos para defender a legalidade, a saúde e a seguridade da xente "e antes ou despois, a lei cúmprese".

Subliñou tamén que este tipo de actuacións, ademais de para protexer aos potenciais clientes, fanse tamén para defender aos establecementos que si cumpren a lei, que respectan a convivencia e que axudan a ofrecer unha imaxe de calidade de Poio.