"Welcome to the millenial parish of Cerponzóns"

Pontevedra
11 de setembro 2020

Deste xeito recibe aos peregrinos o novo fito conmemorativo instalado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Camiño de Santiago ao seu paso polo lugar de Leborei

Novo fito conmemorativo na parroquia de Cerponzóns Concello de Pontevedra

"Welcome to the millenial parish of Cerponzóns". Deste xeito recibe aos peregrinos o novo fito conmemorativo instalado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Camiño de Santiago ao seu paso polo lugar de Leborei.

O sinal, acabado en aceiro corten, con gráfica impresa en vinilo e traducido ao inglés, permite indicar un punto da Ruta Xacobea polo que pasaba a Vía Romana XIX, construída fai 2.000 anos, e en cuxas inmediacións se colocou no ano 350 a.C. un miliario en honor ao emperador Magnencio (o orixinal se atopa no Museo de Pontevedra e no lugar hai unha réplica coa tradución da vella inscrición latina: ‘Dedicado ao noso señor Magno Magnencio, pío, feliz, augusto, nado para o ben da res pública’).

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse esta mañá até o lugar acompañada pola presidenta da asociación veciñal O Chedeiro, Liliana Casás, e do seu secretario, Juan José Esperón, para inaugurar o fito, que, tal e como se constata no texto, traducido ao inglés, dista 57,8 quilómetros de Santiago de Compostela.

"Os miliarios -lembrou a edil- tiñan a función de indica-las distancias entre cidades ou as referencias do Imperio Romano, e esa é precisamente unha das funcións que cumpre este ‘miliario’ moderno que acabamos de instalar neste punto da Ruta Xacobea con tanto valor histórico, ademais de darlles a benvida aos peregrinos á fermosa e milenaria parroquia de Cerponzóns e desexarlles que teñan bo Camiño".

A presidenta de O Chedeiro agradeceu a Yoya Blanco o seu apoio con esta demanda veciñal "nestes tempos tan difíciles nos que resulta moi complicado facer cousas", e aproveitou a ocasión para convidar “a todo o mundo a face-lo Camiño Portugués, que pasa por Cerponzóns, e en especial aos pontevedreses, aos urbanitas e aos veciños das demais parroquias". "Que nos veñan coñecer -asegurou Liliana Casás-, que non se van arrepentir. Cando cheguen aquí, van dicir: Pero como non viñemos antes se estabamos tan preto".