Xa en marcha as enquisas de participación cidadá previstas para elaborar a Axenda Urbana

Pontevedra
30 de xullo 2022

A concelleira de Réxime e Promoción da Cidade, Anabel Gulías, avanzou que posteriormente van desenvolverse seminarios de formación sobre a Axenda Urbana para as asociacións da cidade e o persoal do Concello

Enquisa a un cidadán  - Arquivo
Enquisa a un cidadán - Arquivo

A elaboración da Axenda Urbana, un documento estratéxico para marcar o futuro do municipio, céntrase durante estes días en recoller a opinión cidadá dentro dun proceso no que se realizan enquisas con cuestionarios á poboación.

Anabel Gulías, concelleira de Réxime e de Promoción da cidade, explica que se realizaron diferentes reunións para debater, expoñer e recoller propostas, entre as que destacan os encontros con representantes do Consello Económico Social e cos consellos parroquiais.

Por outra banda, recóllense estas opinións de maneira directa, durante estes días en diferentes puntos da cidade, a través de enquisadores. Tamén se realizan preguntas a escolares para coñecer o seu punto de vista sobre a cidade.

As enquisas desenvólvense en diferentes zonas da cidade: 

• Zona: O Castañal / Valdecorvos / Avda. de Lugo / Pasarela / Loureiro Crespo
• Zona Centro: A Peregrina / Ferrería / Benito Corbal e distintos puntos do centro histórico
• Zona: Mollavao / Avda. de Marín / Rosalía de Castro / Oliva
• Zona Mercado: Rúa Serra / Cobián Roffignac / Cruz Vermella

As preguntas aos menores realízanse en Campolongo, Pasarela, Ferrería e Palmeiras. 

A enquisa está formada por 41 cuestións sobre o cambio climático, o modelo de cidade, a mobilidade, a economía urbana e outras cuestións que se inclúen na Axenda Urbana. Tamén están previstos seminarios de formación sobre a Axenda Urbana destinados ás asociacións da cidade e ao persoal do Concello.