O tramo das Galerías Oliva desde a rúa Gutiérrez Mellado atópase pechado desde este martes.
A instalación dunha parede de madeira tapiando este acceso preludia a inminente derriba do edificio que acollía esta galería comercial hoxe xa totalmente baleira. Os últimos en facer a mudanza eran a tenda de Solidariedade Internacional e a cafetería.
Na mañá deste martes 31 de xaneiro, coincidindo co remate do prazo anunciado, uns operarios procedían a levantar unha parede de madeira no interior do corredor.
Ademais instalaron uns valos para delimitar o paso ata o portal do edificio cuxos últimos residentes son os únicos co paso autorizado.
A empresa Hercor mantén no escaparate do que antes foi unha froitería o anuncio do proxecto para derrubar este inmoble número 3 da rúa Gutiérrez Mellado e o lindeiro, este xa con portal no número 11 da rúa Michelena onde o desaloxo aínda non se completou.
Neste caso os inquilinos dispoñen de marxe ata finais de maio, para deixar libres os locais. Por agora este segundo inmoble non dispón de licenza nin de autorización de Patrimonio.
A promotora aínda non comunicou cal é o seu proxecto para o solar unha vez que se materialice a derriba.