Xa está rematado o pombal das Palmeiras, sabes o que representa o seu mural?

Pontevedra
23 de marzo 2017

Trátase dunha primeira experiencia coa que o Concello quere poñer en valor esta instalación que agora ten un uso moi diferente ao orixinal xa que serve para gardar ferramentas de traballo do departamento de Xardíns

Mural do pombal das Palmeiras
Mural do pombal das Palmeiras / PontevedraViva

Un "eterno retorno". É o que simboliza o mural que a empresa especializada Cestola na Cachola recreou no pombal das Palmeiras.

Segundo explican os creadores, aproveitando a forma circular do pombal crearon unha historia cíclica.

Así, na parte superior amósase a secuencia dunha eclipse dividida en fotogramas.

Na parte intermedia, unha muller cos ollos vendados lanza frechas tratando de darlle á mazá que está sobre a súa cabeza, pero ao percorrer o muro as frechas volven pola súas costas; e na parte posterior outra muller cun escudo trata de protexer a ambas das frechas. Ademais, unha serpe percorre a escena ata morder a súa propia cola, envolvéndoas con ela.

Na parte inferior amósase un río circular que representa o río Lérez repleto de vexetación.

Trátase dunha primeira experiencia coa que o Concello quere poñer en valor esta instalación que agora ten un uso moi diferente ao orixinal xa que serve para gardar ferramentas de traballo do departamento de Xardíns.

O propósito do Concello é continuar mellorando medianeiras da cidade con murais tan vistosos como este, tal e como indicou no seu día o concelleiro Luis Bará, que chegou a citar a posibilidade de empregar este método para embelecer as medianeiras da Peregrina.