Xa poden comezar as obras de reforma da estación de autobuses

Pontevedra
28 de outubro 2014

Estes traballos serán executados pola empresa Construcciones Orega S.L. e, segundo o proxecto achegado teñen por obxecto a mellora da accesibilidade coa demolición das escaleiras mecánicas existentes e a súa substitución por dous ascensores, así a reforma estrutural da zona afectada e a mellora das instalacións

Estación de autobuses
Estación de autobuses / Mónica Patxot

As obras da estación de autobuses de Pontevedra xa teñen os permisos correspondentes, logo de contar con todos os informes técnicos favorables. O asunto foi tratado, fóra da orde do día, na Comisión de Urbanismo celebrada este martes no Concello de Pontevedra. 

As obras están promovidas pola Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A licenza, que será aprobada na  próxima Xunta de Goberno Local, estaba pendente dende o pasado mes de agosto. Os técnicos municipais tiveron que requirir a documentación técnica necesaria en dúas ocasións.

O acordo obriga ao comezo das obras antes de seis meses e dan un prazo de execución doutros 12 meses.

Estes traballos serán executados pola empresa Construcciones Orega S.L. e, segundo o proxecto achegado teñen por obxecto a mellora da accesibilidade coa demolición das escaleiras mecánicas existentes e a súa substitución por dous ascensores, así a reforma estrutural da zona afectada e a mellora das instalacións. O orzamento de execución material é de 123.251,38 euros.

FÁBRICA DE CERVEXA ARTESANAL

A Comisión de Urbanismo emitiuse tamén unha información urbanística a instancias da sociedade Birreina Galaica S.L. interesada en coñecer a viabilidade dunha pequena fábrica de cervexa artesanal nunha casa situada no núcleo rural de Abelleira (Verducido). A instalación pretendida iniciaría a súa actividade cunha produción de 300 litros semanais. Os informes técnicos avalan esta actividade, por ser autorizable neste tipo de solo.