Xa se poden recoller os calendarios de 2023 con fotografías de Janite do patrimonio e as paisaxes de Caldas

Umia
30 de decembro 2022

O Concello editou 4.000 exemplares que se poden recoller gratuitamente nas diferentes oficinas municipais, na praza de abastos, e en determinados establecementos das diferentes parroquias

As concelleiras de Benestar Social e de Cultura, Inés Fuentes e María López Buceta
As concelleiras de Benestar Social e de Cultura, Inés Fuentes e María López Buceta / Concello de Caldas de Reis

As concelleiras de Benestar Social e de Cultura, Inés Fuentes e María López Buceta, presentaron este venres o Calendario de 2023 que editou o Concello de Caldas con imaxes do patrimonio e das paisaxes de Caldas, realizadas polo fotógrafo Janite.

Con esta iniciativa o Concello quere dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio histórico, natural e paisaxístico do Concello, como o río Umia, a Fábrica da Luz e a fervenza de Segade, a Vía Verde, o Tesouro de Caldas, o Xardín Botánico, os balnearios, as igrexas románicas e barrocas, ou o taller artesanal de campás en Arcos dá Condesa.

O Concello editou 4.000 exemplares que se poden recoller gratuitamente nas diferentes oficinas municipais, na praza de abastos, e en determinados establecementos das diferentes parroquias. O calendario inclúe ademais todos os teléfonos dos servizos públicos do municipio, así como farmacias e clínicas veterinarias, entre outros teléfonos de interese.

Inés Fuentes e María López destacan que con este obsequio "o Concello quere continuar coa difusión do patrimonio local e desexar a toda a poboación de Caldas e aos seus visitantes un próspero aninovo".