Xabier Fortes será o pregoeiro das Festas de San Roque 2026

O Salnés
04 de xullo 2026

O xornalista pontevedrés, asiduo da Festa da Auga e de Vilagarcía, sairá ao balcón de Ravella o venres 14 de agosto ás 20:30 horas, para dar o pistoletazo de saída aos festexos

Xabier Fortes RTVE

As Festas de San Roque xa teñen pregoeiro para este ano. O recoñecido xornalista Xabier Fortes, actual director do informativo La Noche en 24 horas de TVE, será o encargado de abrir a semana grande de Vilagarcía de Arousa.

O pontevedrés, asiduo da Festa da Auga e de Vilagarcía, onde ten amigos de moitos anos, aceptou encantado o convite que lle fixo o alcalde, Alberto Varela.

Fortes sairá ao balcón de Ravella o venres 14 de agosto ás 20:30 horas, dando así inicio a dez días de actividades. 

Será un programa para todos os públicos que a concellería de Cultura que dirixe Sonia Outón ten practicamente pechado e que será presentado en próximas datas.

Xabier Fortes (Pontevedra 1966) é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Desenvolveu toda a súa carreira profesional en medios públicos. 

Tras unha etapa previa en Radiocadena Española, ingresou en TVE en 1990, exercendo de delegado en Pontevedra. En 1997 foi nomeado editor e presentador dos telexornais e en 2007, director do Centro Territorial de Galicia.

De aí saltou á programación nacional como director de Los Desayunos de TVE e actualmente o programa nocturno de análise político La Noche en 24 horas.

Neste tempo tamén foi o encargado de moderar os debates electorais entre os candidatos á presidencia do Goberno. Tamén é autor dunha ducia de documentais de variada temática.

Xabier Fortes está en posesión de dous dos maiores recoñecementos da radio televisión en España, o Micrófono de Ouro e o premio Ondas.

No pasado Nadal, publicou a súa primeira novela, Sonata de Acuario, ambientada en Pontevedra, cidade sobre na que orbita boa parte da súa traxectoria vital e profesional.