"Gestionar con las habas contadas", María Ramallo reivindica unha política de investimentos prudente

Marín
17 de decembro 2025
Actualizado: 6:50

A alcaldesa fai balance de 2025: un ano de obras, xestión axustada e grandes proxectos para Marín. A rexedora defende a planificación e o ritmo investidor

Desayuno informativo con Pablo Novas, María Ramallo y Marian Sanmartín
Desayuno informativo con Pablo Novas, María Ramallo y Marian Sanmartín / PontevedraViva

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, reuniu este martes aos medios de comunicación nun almorzo informativo para facer balance do ano 2025. Un exercicio que, segundo defendeu, foi "fructífero", marcado por un intenso ritmo de obras, unha forte dependencia do financiamento externo e unha planificación que, nas súas palabras, rompe o tópico de que os gobernos só executan proxectos cando se achegan as eleccións.

Ramallo recoñeceu que 2025 foi un ano de "moitísimas obras", con todas as molestias que iso leva, pero subliñou que detrás de cada actuación hai planificación e control económico. "Las obras no salen cuando uno quiere, sino cuando se dan las condiciones para que fructifiquen", explicou, lembrando que o Concello non inicia ningunha actuación sen ter garantida o financiamento.

A alcaldesa insistiu en que a transformación urbana de Marín non sería posible sen os fondos europeos e a colaboración doutras administracións. Ministerio de Transportes, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra foron fundamentais para sacar adiante proxectos que o axustado orzamento municipal só permite cofinanciar.

Entre as actuacións máis destacadas figura a finalización da avenida de Ourense, financiada ao 100 % polo Ministerio, a falta de rematar a rotonda e zonas axardinadas. Tamén se concluíu o tramo de Concepción Areal entre o hotel Vila de Marín e a rotonda das Áncoras, con fondos da Xunta. A estas súmanse obras en marcha ou xa encarriladas como a entrada por Tiro Naval–Jaime Janer, a mellora da rúa do Forte e a continuidade do carril bici e senda peonil até a praia de Mogor.

Ramallo admitiu atrasos nalgúns proxectos, achacados en parte á dificultade das construtoras para atopar man de obra.

Un dos puntos sensibles do ano foi a obra de saneamento no río Lameira. Aínda que recoñeceu que avanza máis lento do previsto e xera queixas, a alcaldesa cualificouna de "imprescindible" para manter o saneamento integral do municipio. A actuación, financiada ao 100 % pola Xunta, permitirá mellorar a separación de pluviais e fecais e engadir unha senda na contorna.

Na mesma zona conflúen as obras do pavillón do Sequelo e o ascensor do colexio, o que converteu a área nunha "zona cero" de molestias. O obxectivo, sinalou, é que o acceso ao centro educativo estea operativo tras as vacacións de Nadal.

Novos fondos europeos e barrios a mellorar

Marín logrou concorrer con éxito a novos fondos europeos urbanos xunto a outros municipios. O proxecto, con horizonte a catro anos, permitirá actuar en barrios como A Cañota, San Pedro e Virxe do Carme, mellorando a súa conexión interna e coas urbanizacións lindeiras. Tamén inclúe actuacións no mercado municipal, a contorna deportiva da Raña e o estadio de San Pedro, coa histórica demanda de renovar a súa bancada.

En promoción turística, o Concello impulsou unha campaña apoiada no Plan de Sustentabilidade Turística, que permitiu integrar a oficina de turismo no auditorio, actuar na dársena do chamado "cemiterio de chalanas", mellorar sendas cara ás praias e acometer actuacións no lago de Castiñeiras. "Son fondos al 100 % y los estamos exprimiendo hasta el límite", afirmou Ramallo.

En emprego, o foco estivo en axustar a formación á demanda real do mercado. O Concello solicitou dous novos obradoiros de emprego, apostando por sectores con alta demanda como a hostalaría e os servizos sociais, especialmente o Servizo de Axuda a Domicilio. Ademais, desenvolverase un novo plan integrado de emprego e un programa formativo coa Fundación Santa María a Real.

A vivenda foi outro dos temas clave. A alcaldesa recoñeceu as dificultades para atraer promoción de edificios residenciais debido aos altos custos de construción e os prezos de venda máis baixos que en cidades próximas como Pontevedra ou Vigo. Aínda así, o Concello traballa para facilitar licenzas e colaborar coa Xunta en plans de interese autonómico para vivenda protexida.

Deportes, rural e auga

No ámbito deportivo, finalizáronse as obras do pavillón da Cañota, avanzan as do Sequelo e proxéctanse melloras na Raña, o estadio de San Pedro e a piscina municipal, unha instalación "cara, pero necesaria".

No rural, executáronse pavimentaciones nas sete parroquias, melloras de iluminación e actuacións de abastecemento de auga aproveitando obras doutras administracións. Ramallo defendeu o papel das comunidades de usuarios de auga e lembrou a importancia do proxecto de Acuaes, que hoxe garante a subministración tras a avaría do colector da ría.

Sobre a xestión da auga, anunciou que o Concello estudará a posibilidade dun modelo de xestión privada para garantir investimentos que o Concello non pode asumir en solitario.

A alcaldesa tamén aplaudiu que a Xunta xa licitou o plan para desenvolver ata 400 vivendas na zona de Ezequiel Massoni e San Pedro, un ámbito que cualificou como "estratéxico" para o crecemento de Marín. Con todo, advertiu da brecha de prezos con Pontevedra, que dificulta atraer promotores, unha situación que o Concello trata de compensar coa oferta de chan protexido e libre.

O auditorio, a gran obra

 

O balance culminou co auditorio, a maior obra xestionada directamente polo Concello. A alcaldesa avanzou que a obra civil quedará practicamente finalizada esta semana e destacou que, a pesar de atrasos e axustes de orzamento, pecharase dentro da marxe legal do 10 % de incremento. "Para una obra iniciada en 2019, es casi un milagro", afirmou.

O novo espazo cultural, con varias salas e equipamentos escénicos de primeiro nivel, cambiará a actividade cultural de Marín. En xaneiro prevense as últimas xestións técnicas e unha xornada de portas abertas para asociacións. Quedarán pendentes actuacións exteriores como o axardinamento, a iluminación e a mellora da contorna.

Ramallo pechou a súa intervención con dous asuntos pendentes: o aparcadoiro e o parque de Eguren. Defendeu a combinación de zona azul de dúas horas e aparcadoiros disuasorios, aínda que recoñeceu a necesidade de mellorar a rotación. En canto ao parking de Eguren, admitiu que o proxecto está en "stand by" pola falta de viabilidade económica do modelo concesional.

"Terminamos como empezamos", concluíu a alcaldesa, reivindicando unha xestión prudente, baseada en buscar financiamento e non embarcar ao Concello en investimentos que non poida asumir.