Xestos de homenaxe á faceta antitouradas de María Vitoria Moreno

Pontevedra
08 de agosto 2018

Alguén empezou a emular as accións reivindicativas que décadas atrás  protabonizaba a escritora e profesora. Adoitaba tapar os anuncios das touradas con frases en defensa dos animais e agora no seu barrio, Campolongo, xa apareceu un cartel lembrándoo

Cartaz lembrando as accións antitouradas de María Victoria Moreno PontevedraViva

Houbo unha época na que Pontevedra non contaba cun movemento social antitouradas organizado, pero algunhas mañás amencían coas rúas cheas de carteis contra as touradas que se celebraban durante a feira da Peregrina. Pasado o tempo, sábese que quen estaba detrás desas accións reivindicativas era a escritora e profesora María Vitoria Moreno, homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas e fiel defensora dos animais. 

Este 2018, declarado en Pontevedra 'Ano María Vitoria Moreno', hai quen na súa cidade quixo seguir homenaxeando á escritora máis aló das celebracións que rodearon o 17 de maio e facelo, ademais, lembrando ese activismo antitouradasque ela sempre levou por bandeira. Para iso, alguén empezou a pegar carteis lembrando esas accións de rebeldía súas de décadas atrás

Un deses carteis apareceu no barrio de Campolongo, ao que María Vitoria Moreno sempre estivo moi unida por ser o seu lugar de residencia e lecer. Sobre un dos anuncios das touradas da praza de touros de Pontevedra, xusto a mesma forma de protesta que elexía ela, quixeron lembrar que "fixo manifestacións contra as touradas todos os anos, ía coas nenas, onde os carteis que anunciaban as corridas e pegábanlle por riba frases en defensa dos animais, que sacaba do Quijote e doutros libros"

Precisamente, a filla da profesora, Begoña Llácer Moreno, foi elixida este ano para ler o manifesto da manifiestación antitouradas que organizará o colectivo 'Touradas fóra de Pontevedra' polas rúas da cidade o vindeiro sábado 11 de agosto. 

Arquivado en