Xira de food trucks para promocionar as festas gastronómicas das Rías Baixas

Pontevedra
29 de agosto 2025

Tres vehículos percorrerán os 61 concellos da provincia a partir de outubro, ofrecendo case 400 degustacións baseadas nos menús das festas de interese turístico

Luis López, ao fondo, diante dunha food truck na Festa do Mar
Luis López, ao fondo, diante dunha food truck na Festa do Mar / Concello de Poio

A campaña "100% Gastronomía das Rías Baixas", impulsada pola Deputación de Pontevedra para promocionar as festas gastronómicas de interese turístico da provincia, arrancará a comezos de outubro cunha xira de food trucks.

Así o anunciou este venres 29 de agosto o presidente provincial, Luis López, tras a adxudicación da campaña por 255.000 euros.

"Percorreremos a provincia con tres food trucks que farán tres rutas polo norte, o centro e o sur da provincia, ofrecendo un total de 366 degustacións ao longo de cinco meses en formato de pinchos", explicou López.

Estas degustacións estarán baseadas nos menús das 25 festas gastronómicas de interese turístico galego, nacional e internacional das Rías Baixas.

Os tres tráilers de comida visitarán os 61 concellos da provincia con sesións ininterrompidas de tres horas de duración ao mediodía (de 12:30 a 15:30 horas) e pola tarde (de 18:30 a 21:30 horas).

Os food trucks mobilizaranse cinco días á semana, sempre incluíndo sábados, domingos e días festivos.

Cada food truck recalará un día en cada concello, aínda que poderán aproveitarse situacións excepcionais de grande afluencia para permanecer ata un máximo de tres días.

Nestes puntos, a cidadanía, ademais de degustar as elaboracións, terá á súa disposición material informativo sobre as festas gastronómicas.

Luis López lembrou que as Rías Baixas foron "líderes en Galicia" en xullo e aumentaron "nun 6% o turismo estranxeiro". Esta nova aposta turística busca "ofrecer experiencias desestacionalizadoras", en tempada baixa para atraer novos visitantes.