Os Xogos de Verán de Lourido regresan con seis días de actividade para toda a familia

Poio
23 de xullo 2026

O público poderá participar do 27 de xullo ao 1 de agosto en disciplinas como fútbol 6 base, vóley e tenis praia, petanca, ximnasia, chave ou zumba, ademais doutras iniciativas lúdicas e de animación

Presentación da 30 edición dos Xogos de Verán de Lourido
Presentación da 30 edición dos Xogos de Verán de Lourido / Concello de Poio

Os Xogos de Verán de Lourido xa quentan motores para celebrar o seu trinta aniversario.

A cita, unha das máis esperadas do calendario estival en Poio desenvolverase do 27 de xullo ao 1 de agosto cunha ampla programación de actividades deportivas, talleres e espectáculos pensados para toda a familia.

A maior parte das actividades celebraranse en horario de tarde, salvo o sábado 1 de agosto, cando tamén haberá programación pola mañá.

O público poderá participar en disciplinas como fútbol 6 base, vóley praia, tenis praia, petanca, ximnasia, chave ou zumba, ademais doutras iniciativas lúdicas e de animación.

Todas as actividades serán gratuítas, aínda que será necesaria a inscrición previa a través da web xogosdelourido.com, onde tamén se pode consultar a programación completa, as modalidades e os horarios das competicións.

No caso do torneo de fútbol 6 base, as inscricións deberán formalizarse a través do WhatsApp 606 257 171 ou do correo [email protected], indicando o nome, os apelidos e o DNI dos integrantes de cada equipo.

A presentación da programación celebrouse este martes coa participación do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e do concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, acompañados por representantes da Asociación Cultural e Deportiva de Lourido, organizadora do evento.

A presidenta da entidade, Fina Moreira, puxo en valor a longa traxectoria desta iniciativa e a elevada participación que rexistra cada ano. "Os Xogos de Verán son xa unha cita obrigada para moitos nenos e mozos do noso municipio. En cada edición participan centos de persoas e esperamos que todos gocen das actividades e propostas que preparamos con tanta ilusión", sinalou.

Pola súa banda, Moldes destacou o traballo da asociación e agradeceu o seu compromiso para facer posible iniciativas como estas porque fomentan os valores do deporte, a convivencia e a participación, á vez que contribúen a dinamizar a actividade social e económica do municipio.

"Este tipo de eventos atraen visitantes, enchen de vida os nosos barrios e ofrecen alternativas de lecer atractivas e de calidade sen necesidade de desprazarse a outros municipios", afirmou, que lembrou ademais que a asociación recibiu este ano o premio San Xoán-Pepe Otero pola súa traxectoria das últimas tres décadas.

A programación arrincará o luns 27 de xullo, ás 18:00 horas, coa pista de obstáculos, para despois disputarse o primeiro partido do torneo de fútbol 6 base, as primeiras roldas de vóley praia e as eliminatorias de petanca.

O martes 28 desde a mesma hora haberá talleres de manualidades para a junventud e disputarase un novo encontro de fútbol 6 base e as segundas roldas de vóley praia. Ás 19:00 horas organizaranse xogos populares e a xornada concluirá coa tradicional carreira de caramelos.

O mércores 29 volverá abrir a tarde a pista de obstáculos, seguida dun novo partido do torneo de fútbol 6 base. A partir das 19:00 horas disputaranse as semifinais de vóley praia e a primeira rolda de tenis praia. Tamén haberá xogos populares, partidas de cartas e unha exhibición de ximnasia rítmica para pechar a xornada.

O xoves 30 comezará de novo coa pista de obstáculos; despois celebrarase o partido de fútbol 6 base e seguidamente, o espectáculo pirata, de Confusión Teatro. A programación completarase con novos encontros de vóley e tenis praia, xogos populares, as semifinais de chave e unha nova carreira de caramelos.

O venres 31 de xullo a xornada arrincará cunha xincana, seguida dunha sesión de zumba e da final de chave. As probas de bici praia e o tradicional partido de fútbol de persoas solteiras contra casadas porán o broche final ao día.

O 1 de agosto será o último día dos Xogos de Verán. Ese día a partir das 9:00 horas celebrarase o concurso de pesca e ás 10:30 horas terá lugar a carreira popular. Xa pola tarde, o Parque Costa Xiráldez acollerá o fin de festa, coa entrega de premios, a actuación de Vides Novas e a animación musical dun DJ.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora