Os xoguetes máis demandados este 6 de xaneiro confirman que os clásicos seguen vivos

Pontevedra
06 de xaneiro 2026

Os xogos tradicionais seguen tendo un oco privilexiado nas preferencias infantís. Bonecas, coches, construcións, xogos de mesa e pelotas continúan liderando as peticións

Agasallos de Nadal debaixo da árbore
Agasallos de Nadal debaixo da árbore

A maxia dos Reis Magos volveu facerse notar este 6 de xaneiro nos fogares de Pontevedra, onde a mañá amenceu con agasallos baixo a árbore e caras de ilusión entre os máis pequenos. Melchor, Gaspar e Baltasar cumpriron, un ano máis, cos encargos recibidos en miles de cartas cargadas de desexos.

Os xogos tradicionais seguen tendo un oco privilexiado nas preferencias infantís. Bonecas, coches, construcións, xogos de mesa e pelotas continúan liderando as peticións, sobre todo entre os nenos e nenas de menor idade. Tampouco falta a bicicleta, un dos agasallos estrela de cada Nadal, acompañada de patinetes e outros xoguetes pensados para gozar ao aire libre.

Desde o sector fabricante de xoguetes local destacan que os clásicos resisten o paso do tempo, aínda que este ano hai un fenómeno que marcou a campaña como foi todo o relacionado coas Guerreiras K-pop, que se converteu nun auténtico boom. Xunto a iso, nunca fallan os Playmobil, as bonecas ou os cada vez máis demandados vehículos eléctricos.

A medida que os nenos crecen, tamén evolucionan os seus gustos. As videoconsolas, os videoxogos, as tablets e outros dispositivos electrónicos gañan protagonismo entre o alumnado de Primaria e os primeiros cursos de Secundaria. Auriculares, reloxos intelixentes e accesorios tecnolóxicos completan a lista de agasallos máis solicitados para estas idades.

Os personaxes de Stitch, Bluey, a Patrulla Canina e Pokémon seguen arrasando, do mesmo xeito que a boneca Gabby Sirena ou o frigorífico de MiniBrands, pensados para quen empezan a fantasear con converterse en auténticos chefs.

Aínda que non son ningunha novidade, os sets de construción de LEGO seguen sendo un imprescindible na infancia de varias xeracións e continúan causando sensación. A eles súmanse as figuras dos chamados Brainrot, personaxes virais nacidas en TikTok e xeradas con intelixencia artificial.

Os xogos de mesa manteñen a súa vixencia e seguen coándose en moitas cartas aos Reis. Títulos como SkyJo, Mike o Aforcado, Catán ou Tapple sitúanse entre os máis demandados.

E para pechar a lista, os vehículos de todo tipo prometen ser protagonistas en casas e xardíns. Desde scalextric, tractores, trens ou escavadoras en miniatura, até triciclos e motos que os máis pequenos poden conducir cos seus propios pés.