A Escola de Saúde Pública (ESP) de Pontevedra, impulsada pola Concellería de Benestar Social, segue co seu compromiso de mellorar a calidade de vida e promover o benestar da veciñanza.
Fundada no ano 2024, a ESP actúa como un espazo de información, formación e participación, subliñando o valor da sanidade pública como piar fundamental dunha sociedade xusta e solidaria.
Este xoves, 27 de novembro, a programación da Escola concentrará dúas actividades distintas na sala Valdecorvos da Caszul (rúa Sor Lucía, 2).
Pola mañá, ás 10:00 horas, terá lugar un obradoiro práctico centrado na atención inmediata a persoas con problemas auditivos.
A actividade, organizada pola Organización de diversidade sensorial de Galicia (Xoga), leva por título "Que facer no fogar e no entorno cando unha persoa ten xordeira de repente".
A sesión estará dirixida por María Jesús Monterde García, quen achegará a súa experiencia como intérprete, guía-intérprete e mediadora comunicativa para instruír os asistentes sobre as mellores pautas de actuación.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, a ESP celebrará un relatorio-coloquio que abordará a relevancia das medidas preventivas en saúde.
O médico de Medicina Preventiva Xermán Bugallo Sanz será o encargado de guiar o encontro baixo o título "A importancia das vacinas e outras medidas preventivas".
O evento, organizado pola Rede galega de promoción da Saúde (Regaps), está aberto a preguntas do público, buscando fomentar un diálogo aberto sobre este tema esencial.

PRÓXIMAS CITAS
O programa formativo da Escola de Saúde Pública non remata aquí, senón que se estenderá ao mes de decembro coa celebración de catro actividades adicionais, repartidas entre dous obradoiros matinais, ás 10:00 horas, e dous relatorios vespertinos. ás 17:00 horas:
4 de decembro: Está previsto un obradoiro de "Ximnasia para o cerebro" con Pedro Campos (Percuterapia). Xa pola tarde haberá un relatorio sobre "Saúde buco-dental" con Patricia Barba Gómez (Regaps).
11 de decembro: Obradoiro "Death Café: falar da morte para celebrar a vida" con Julio Fhoty (Fundación Eomaia). Durante a tarde desa xornada vai celebrarse un relatorio sobre "A importancia da saúde dixital na nenez e adolescencia" con Noelia Romero Naveiro e María Abollado Vidal (Asociación Érguete).