Xornada centrada nas cefaleas e as estratexias activas para afrontar a dor crónica

Pontevedra
05 de novembro 2025

Os profesionais da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés apostan por un novo modelo integral para tratar a dor crónica: protagonismo do paciente e avances na neurociencia

Intervención na II Xornada sobre Afrontamento Activo da Dor Crónica
Intervención na II Xornada sobre Afrontamento Activo da Dor Crónica / Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés celebrou este mércores a II Xornada sobre Afrontamento Activo da Dor Crónica, centrada nas cefaleas e cun enfoque innovador baseado na neurociencia.

O evento, que tivo lugar no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, reuniu a máis de douscentos profesionais de diferentes disciplinas, dende a neuroloxía, atención primaria e fisioterapia, ata farmacia e psicoloxía, co obxectivo de avanzar cara a unha atención integral baseada na evidencia científica e na implicación directa das persoas afectadas.

Durante a apertura, Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, e José Flores, xerente da Área Sanitaria, destacaron a importancia das Unidades de Estratexias de Afrontamento Activo da Dor Crónica.

Este modelo asistencial, inspirado nas achegas da neurociencia, promove un cambio de paradigma na atención ao paciente: fomenta o coñecemento, a autonomía e a autoxestión fronte á dor persistente, situando o doente como protagonista do seu proceso de recuperación.

Na conferencia maxistral, o doutor Iñaki Aguirrezabal Bazterrica, médico de familia e especialista do Servizo Vasco de Saúde, explicou que comprender como funciona a dor no cerebro transforma o xeito de afrontala.

II Xornada sobre Afrontamento Activo da Dor Crónica
II Xornada sobre Afrontamento Activo da Dor CrónicaÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Subliñou que o coñecemento, o movemento e a autoeficacia son ferramentas terapéuticas tan relevantes como os fármacos e que este enfoque está a mellorar de xeito notable a calidade de vida dos pacientes, reducindo a discapacidade, aumentando a funcionalidade e fortalecendo o control sobre o propio proceso de saúde.

As mesas redondas do encontro abordaron a dor crónica dende unha perspectiva multidisciplinar, integrando as dimensións neurolóxica, emocional e funcional das cefaleas, e combinando visiones clínicas, experiencias de pacientes e achegas de diferentes profesionais.

Os expertos presentes coincidiron en sinalar que a integración de educación terapéutica, exercicio físico, manexo psicolóxico e coordinación asistencial representa un avance decisivo no tratamento da dor.

Tanto Agustín Reguera coma José Flores incidiron en que Pontevedra está plenamente comprometida coa consolidación deste enfoque activo de afrontamento da dor crónica.

Reforzaron que tanto a Xunta de Galicia como o Servizo Galego de Saúde apostan por un modelo que potencia a autonomía dos pacientes, a humanización da asistencia e os mellores resultados para os pacientes.

José Flores e Agustín Reguera participaron na Xornada
José Flores e Agustín Reguera participaron na XornadaÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés