Xornada de votacións nos xulgados da Parda

Pontevedra
21 de marzo 2018

Mentres nunha das salas de vistas da planta baixa os funcionarios que encaran a súa sexta semana en folga indefinida votaban sobre o futuro das negociacións coa Xunta de Galicia, no quinto piso 28 fiscais estaban chamados á urna para elixir aos novos vogais do Pleno do Consello Fiscal

Votacións nos xulgados de Pontevedra para establecer as novas posturas dos funcionarios de Xustiza en folga
Votacións nos xulgados de Pontevedra para establecer as novas posturas dos funcionarios de Xustiza en folga / Mónica Patxot

O edificio xudicial da Parda viviu este mércores unha xornada moi intensa de votacións. Mentres nunha das salas de vistas da planta baixa os funcionarios que encaran a súa sexta semana en folga indefinida votaban sobre o futuro das negociacións coa Xunta de Galicia, no quinto piso 28 fiscais estaban chamados á urna para elixir aos novos vogais do Pleno do Consello Fiscal. 

Os funcionarios en folga votaron nunha sala da primeira planta entre as 12.00 e as 17.00 horas nunha votación secreta e en urna para establecer a postura dos traballadores ante as negociacións coa Xunta de Galicia nun dos puntos máis polémicos e centrais das súas reivindicacións, a subida salarial lineal para lograr achegarse ou equipararse ao soldo medio do persoal do resto das comunidades autónomas coas competencias en xustiza transferidas. 

As votacións realizáronse en toda Galicia e votaron 1.430 dos ao redor de 2.700 traballadores chamados á folga e ás urnas. Por maioría, en toda Galicia, a postura que saíu das votacións foi que o comité negociador non se vexa limitado pola que ata agora era unha das súas liñas vermellas, lograr unha subida lineal de 190 euros

En total, o 65,9% (942) apoiaron que eses 190 euros non sexan unha "postura mínima obligatoria". No caso de Pontevedra, esa porcentaxe foi lixeiramente inferior. Dos 231 traballadores que acudiron a votar, 133, o 60% apoiaron esa postura que agora seguirá o comité de folga. 

Os fiscais tiñan unha xornada de votación máis prolongada, entre as 9.00 e as 19.00 horas de forma ininterrompida, e unha mesa de votación con tres membros, o fiscal xefe e os representantes máis novo e maior do ministerio público en Pontevedra, así como un interventor dunha das tres asociacións que presentaban candidatos. Ao mediodía, o seguimento era maioritario e a previsión era que todo o censo -ou practicamente todo- pasase pola biblioteca.

O censo electoral, no seu caso, eran os 28 fiscais da área de Pontevedra e o obxecto da votación elixir entre os aos novos vogais do Consello Fiscal, o órgano de representación da carreira fiscal, que ten un mandato por catro anos. O sistema de votacións ten listas semiabertas e tan só hai un candidato titular procedente de Galicia e ningún de Pontevedra. O galego é Alvaro García Ortiz, de UPF.

Na actualidade, os novo membros do Ministerio Público pertencen á Asociación de Fiscais (6) e a Unión Progresista de Fiscais (3). Nestas votacións, ás que están chamados ás urnas 2.400 traballadores, tamén presenta candidaturas a Asociación Profesional Independente de Fiscais ( APIF).