No marco do Ano Castelao, que conmemora o 75 aniversario da morte do escritor e político, o Campus Crea e a aula Castelao de Filosofía organizan a quinta edición das xornadas "Pensamento e Creación".
A actividade celebrarase os días 16 e 17 de outubro na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra.
Estas xornadas, patrocinadas pola Deputación de Pontevedra, combinan conferencias con actividades creativas para achegar ao público á figura deste escritor, artista e político galego.
A primeira xornada comeza o xoves 16 ás 19:00 horas cunha conferencia a cargo do escritor e especialista en Castelao Manuel Rei Romeu, quen falará sobre a creación literaria do autor.
A xornada concluirá cun concerto da Pedreira e Alejandro Vargas presentando "Segmento cantábrico", un disco que mestura folk electrónico, poesía e palabra recitada.
O venres 17 a sesión iniciarase ás 19:00 horas cunha charla do profesor e pintor Paulo Porta sobre a produción artística de Castelao, destacando os seus álbums de guerra e estudos realizados.
Finalmente, ás 20:30 horas, proxectarase o documental "As cruces de pedra na Bretaña (O retorno)", dirixido por Xoán Carlos Garrido, que repasa a situación actual dos cruceiros que Castelao inmortalizó na súa obra homónima, tras unha viaxe a Bretaña realizado fai 90 anos.