Chegou o día. Xosé Fortes Bouzán xa é oficialmente 'Fillo Predilecto' de Cerdedo-Cotobade despois dunha sesión solemne extraordinaria do pleno da corporación municipal.
O nomeamento acordouse por unanimidade nun acto no salón de actos do centro cultural Antonio Fraguas de Carballedo.
Presidido polo alcalde, Jorge Cubela, contou coa presenza da corporación e tamén do presidente da Deputación, Luís López; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, familiares do homenaxeado e numeroso público que ateigou o recinto.
O alcalde entregou ao protagonista da xornada unha placa conmemorativa en madeira da efemérides e un pergamiño acreditativo do nomeamento e, como colofón, Fortes asinou no Libro de Honra do Concello de Cerdedo-Cotobade.
A sesión iniciouse coa lectura que xustifica o nomeamento e tomaron a palabra os voceiros municipais do PSdeG-PSOE, Ana Couto, e do BNG, Ernesto Filgueira, e o presidente da Deputación.
O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Villares Paz foi o encargado de realizar a laudatio e enxalzou os valores morais, intelectuais e culturais de Fortes, ademais do seu compromiso vital co coñecemento e o seu amor por Caroi e por Cerdedo-Cotobade.
Tamén o propio Xosé Fortes se dirixiu ao público, que lle adicou continuos aplausos.
Pechou o acto Cubela, que destacou o compromiso do homenaxeado "co seu Caroi natal" e "coa defensa activa das liberdades e a democracia".
Cubela fixo un repaso pola súa faceta como historiador, o seu compromiso co seu tempo e coas novas xeracións a través do ensino e a súa carreira docente e destacou tambén a súa "implicación irrenunciable co futuro da nosa terra e a nosa historia e o benestar das súas xentes".
Destacou tamén do homenaxeado que "é un home que desde Caroi soubo ser sempre un verso libre que abriu sen complexos as mentes dos seus alumnos para que en progreso permanente souberan acadar os seus soños sen deixar de ter os pés na terra, no seu Cerdedo-Cotobade".
Cubela rematou o seu discurso dicindo “Fortes é un caroiano de pro, un veciño de raza e de lei, un intelectual de onte, de hoxe e de sempre e unha persoa que veu a este mundo a facer e non a estar. Fortes é o noso Fillo Predilecto de Cerdedo-Cotobade”.