O investigador Xosé Fuentes Alende recibirá o título de fillo predilecto de Cuntis. Así o acordou por unanimidade o pleno municipal.
Cuntis busca así recoñecer á súa "inmensa labor" como embaixador da cultura e do patrimonio do municipio, segundo destacou o alcalde, Manuel Campos.
Esta distinción, a máis alta que outorga a corporación municipal, quere honrar a traxectoria de Xosé Fuentes Alende, quen, aínda que nado en Cuntis, é coñecido por ser o principal divulgador da cultura e identidade da vila en todo o país.
Xosé Fuentes Alende dedicou gran parte da súa vida a investigar, escribir e divulgar a riqueza etnográfica e histórica da vila, explica o alcalde, "converténdose nun referente para todos nós".
Entre os seus traballos máis destacados atópanse a investigación sobre a relixiosidade popular, os exvotos e os xogos tradicionais, así como as súas colaboracións como articulista en diversos medios.
A súa dedicación e o seu compromiso coa cultura local convertérono, subliña Campos, nunha figura clave para a preservación e difusión do patrimonio da vila, "exercendo de maneira incansable como un verdadeiro embaixador de Cuntis".
Este nomeamento como fillo predilecto "é un acto de xustiza e recoñecemento a unha vida de traballo incansable e a un amor incondicional por Cuntis", sentenciou o rexedor.
A data do acto oficial de entrega do título será anunciada proximamente polo Concello.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.