O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra decidiu arquivar a causa aberta para investigar unha denuncia por agresión sexual e exhibicionismo presentada o pasado mes de xaneiro por unha moza que relataba un episodio rexistrado na avenida de Santa María.
A denuncia desta moza presentouse na Comisaría Provincial da Policía Nacional e chegou ao xulgado. Agora a xuíza decidiu arquivala ao considerar que os feitos relatados pola vítima non eran constitutivos de delito.
"Os actos de exhibicionismo foron practicados ante maiores de idade, polo que non constitúe delito", recolle o auto de arquivo, ditado xa o 30 de xaneiro, pero que deu a coñecer este venres 28 de febreiro o Colectivo Transfeminista Fulanas.
Ese auto, ao que tivo acceso PontevedraViva, sinala que se decide o arquivo "ao non resultar debidamente xustificada a perpetración do delito".
Tras a denuncia desta moza, o Colectivo Transfeminista Fulanas convocou unha concentración de protesta e denunciou que en cuestión de días producíronse na cidade dous delitos de natureza sexual contra mulleres, unha agresión sexual e o comportamento dun exhibicionista que perseguía e intimidaba mulleres pola rúa.
Ao darse a coñecer o arquivo desta causa, a colectivo mostra o desacordo con que a xuíza cualificase os feitos como "un acto de exhibicionismo impune" e que o fixese "obviando o relato sobre o perseguimiento e a intimidación á que foi sometida a vítima, acurralada no portal da súa vivenda, e que se viu obrigada a empregar a forza física para acceder ao seu edificio".
Para Fulanas, trátase de "unha mostra máis de como o sistema minimiza e invisibiliza a violencia machista", pois esta resolución "non só deslegitima a experiencia da vítima, senón que envía unha mensaxe perigosa sobre o cuestionamento ás mulleres nos procesos xudiciais".
"A xuíza, ao limitarse ao carácter non delituoso da masturbación na vía pública ante a vítima, ignora o seu deber de investigar os feitos que revisten ataques directos á liberdade sexual da denunciante", cuestionan desde Fulanas. .
Na súa opinión, a xuíza está a aplicar "unha lectura reduccionista e descontextualizada" dos feitos. "Esta interpretación limitada e insensible é tamén unha forma de violencia", sinalan.