O Concello de Poio encherá este verán as prazas, praias e parques de ilusión, asombro e diversión, a través do programa "Xullo Máxico", unha proposta que inclúe actuacións, talleres e unha gala final para todos os públicos.
Este luns, o alcalde Ángel Moldes, o mago e director artístico do proxecto, Samuel Moreno, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron a programación que arranca esta mesma semana e se prolongará durante todo o mes.
A praia de Lourido, o Parque de Ánkar, a Praza da Chousa e o Porto de Raxó converteránse en escenarios "dun proxecto cultural diferente, atractivo e de calidade, que promete sorprender e emocionar", destacou o alcalde.
Así, todos os venres de xullo veciños e visitantes teñen unha cita coa maxia en Poio.
A programación arranca este venres, 4 de xullo, coa actuación do propio Samuel Moreno, semifinalista de Got Talent España, na praia de Lourido ás 21.00 horas.
O día 11, tamén ás 21.00 h, será a quenda de Sara Rodríguez e Óscar Fernández no Parque de Ánkar.
O venres 18, Roberto Lolo levará a súa proposta á Praza da Chousa.
E como broche de ouro, o día 25 de xullo, o Porto de Raxó acollerá a gran gala final, con tres nomes destacados: Samuel Moreno, Edu El Mago e Dania Díaz, nun espectáculo con inicio ás 21.30 horas.
"Porque no verán as rúas énchense de vida, e queremos que a maxia tamén tome as prazas, os parques, os portos... Que saia ao encontro do seu público e convide a compartir momentos únicos e inesquecibles entre artistas e espectadores", engadiu o alcalde.