A Xunta amplía a prealerta por escaseza moderada de auga

Pontevedra
07 de outubro 2025

As previsións a curto prazo non son optimistas: espérase que outubro remate cun nivel de precipitacións por debaixo da media.

Presa de Bora, no río Lérez
Presa de Bora, no río Lérez / PontevedraViva

A Xunta decidiu este martes estender a declaración da prealerta por escaseza moderada de auga ao sistema da Costa de Pontevedra, do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona, que se suman así aos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, do río Grande, en Camariñas, e do río Anllóns, ata Arteixo.

Esta decisión foi adoptada pola Oficina Técnica da Seca, que se reuniu hoxe baixo a presidencia do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou tamén coa participación do xerente e doutros cargos directivos do organismo hidráulico, así como de representantes de MeteoGalicia, de Protección Civil e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.

Para a adopción desta medida de precaución nas concas do río Verdugo e Costa de Pontevedra tívose en conta que en ambos casos presentan indicadores de escaseza por debaixo do límite de 0,30 e que as previsións de Meteogalicia para outubro non sinalan unha clara mellora desde o punto de vista das chuvias.

Así mesmo, a evolución vista no río Lérez (en prealerta desde o 7 de agosto) tamén aconsella manter a prealerta neste sistema.

Para tomar estas decisións, tivéronse en conta tanto datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo fixado no Plan especial de seca de Galicia-Costa.

As previsións de MeteoGalicia a curto prazo apuntan a que non se agardan precipitacións de importancia a curto prazo e que o mes de outubro no seu conxunto se pechará con valores por debaixo da media, un prognóstico que avala a declaración da prealerta por escaseza nos cinco sistemas xa indicados mentres que no resto da demarcación a situación segue a ser de normalidade.

En concreto, segundo os datos que se expuxeron durante a reunión, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa está no 62,08%, sendo un 15,30% inferior á do ano pasado e un 6,72% inferior á ocupación media nos últimos 10 anos.

A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten.

En concreto, os municipios afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, da UTE río Lérez.

A maiores dos xa mencionados, a declaración de prealerta por escaseza moderada de auga tamén afecta desde hoxe aos concellos de Fornelos de Montes, A Lama, Soutomaior e Vilaboa.