Xunta e Deputación aproban o paso ao modelo de xestión directa nos catro parques comarcais de bombeiros da provincia

Bueu
08 de abril 2021

Unanimidade na sesión á xestión directa, como a forma máis sostible e eficiente da prestación, que entrará en vigor o vindeiro 1 de xuño

Bombeiros comarcais
Bombeiros comarcais

O Pleno do Consorcio provincial Contra Incendios, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% pola Xunta de Galicia, deu este xoves o visto e prace ao pase á xestión directa da prestación do Servizo coa aprobación definitiva da Memoria que regula os aspectos sociais, xurídicos, económicos, técnicos e financeiros do novo modelo que entrará en vigor o próximo 1 de xuño.

Na sesión, dirixida por Carmela Silva como presidenta da Deputación, participaron o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, amais dos representantes da institución provincial, Carlos Font e Santos Héctor , así como a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, e o novo delegado en Pontevedra, Luis López, que tomou posesión como vogal no Consorcio.

O pleno aprobou por unanimidade a memoria co cambio do modelo na que se conclúe que a forma de xestión máis sostible e eficiente é a xestión directa dos parques de bombeiros de O Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, o que implica o pase do servicio de emerxencias e contra incendios na provincia á xestión cen por cen pública.

Este cambio leva implícita a subrogación do persoal de intervención co carácter de persoal indefinido non fixo ou interinidade ata a cobertura dos postos con carácter definitivo. O persoal mantén as condicións laborais que tiñan co anterior modelo.

O pleno deu tamén luz verde ao expediente de modificación de crédito para adaptar á nova situación de xestión directa o orzamento 2021 do Consorcio, e aprobou a modificación do cadro de persoal e retribucións para este exercicio. A modificación orzamentaria será ratificada no próximo pleno da Deputación de Pontevedra para a súa tramitación dentro do Orzamento Xeral da institución provincial.