A Xunta fixa en abril o fin das obras de ampliación do IES Aquis Celenis

Umia
02 de xaneiro 2026
Actualizado: 17:36

Así o explicou este venres o conselleiro de Educación nunha visita ás obras, nas que o goberno galego inviste máis de 5,3 millóns de euros

Román Rodríguez visita las obras de ampliación en el IES Aquis Celenis Xunta de Galicia

As obras de ampliación e renovación do Instituto Aquis Celenis, en Caldas de Reis, entran na súa recta final.

Fano cunha data de finalización no horizonte, o mes de abril, segundo explicou este venres o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha visita aos traballos, nos que o goberno galego inviste máis de 5,3 millóns de euros.

"Esta é a obra de ampliación de maior envergadura que estamos acometendo nun centro de ensino neste momento en Galicia", defendeu o titular de Educación sobre unha actuación complexa e que conta cun prazo de execución de 16 meses.

Actualmente a intervención atópase ao 70% de execución.

"Realizamos unha completa rehabilitación do centro, que ten unha antigüidade de case 40 anos e precisaba unha modernización para axustarse ao ensino do século XXI e aos novos requirimentos de eficiencia enerxética", sinalou o representante do goberno galego defendendo que dá resposta tamén á necesidade de contar con máis prazas educativas en Caldas de Reis.

Román Rodríguez visita as obras de ampliación no IES Aquis CelenisXunta de Galicia

A ampliación está a realizarse en vertical, engadindo unha nova altura ao edificio. Desta forma poderanse habilitar novas aulas para ESO e Bacharelato e adaptar o centro ás recomendacións de espazos flexibles e polivalentes, ampliándoo polo lateral para crear un novo ximnasio de 223,8 metros cadrados.

O instituto mellorará ademais a súa eficiencia enerxética cunha nova cuberta de panel sándwich de 3.059 metros cadrados, a renovación da envolvente do edificio actual e a colocación de 370 novas xanelas e 12 portas. No interior instalaranse 979 luminarias LED, e habilitaranse 42 módulos de paneis fotovoltaicos nunha das cubertas.

Tamén se melloran as instalacións de electricidade, protección contra incendios, de ventilación e o sistema de calefacción.

Román Rodríguez visita as obras de ampliación no IES Aquis CelenisXunta de Galicia