O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta licitará en xuño a primeira fase das obras de ampliación do Colexio CEIP Rosalía de Castro, que comezarán no último trimestre deste ano.
Román Rodríguez visitou este xoves este centro educativo do Grove, onde lembrou que o orzamento estimado da mellora completa do colexio é de 2,6 millóns de euros, dividida en dúas fases.
Tal e como explicou o conselleiro, na primeira fase, dotada de 1,7millóns de euros, o obxectivo principal é construír un novo comedor que substitúa o actual, situado nunha construción no patio con escasa capacidade.
Para iso, demolerase o edificio de antigas vivendas de mestres e edificarase outro novo de dúas plantas, que acollerá tanto o espazo para comer (93,4 metros cadrados) como un ximnasio de 244,8 metros cadrados. Ademais, o novo volume contará con varios almacéns, sala de caldeiras, vestiarios, e un despacho, entre outras instalacións. A superficie total ampliada será de máis de 950 metros cadrados e a actuación completarase no exterior coa instalación de ramplas de acceso que garantan a accesibilidade ao novo edificio.
Neste momento está en supervisión o proxecto, co obxectivo de poder licitar a obra en xuño e comezala no último trimestre de 2025.
O prazo de execución das obras é de 12 meses, polo que se prevé o seu remate para finais de 2026.

ACTUACIÓNS NO EDIFICIO DE AULAS
No que atinxe á ampliación do edificio de aulas, acometerase nunha segunda fase, máis adiante. Entre outras melloras, incrementarase a súa altura e redistribuirase o seu interior, adaptándoo aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Ademais, prevese a mellora da eficiencia enerxética mediante o cambio de fiestras e o illamento de fachadas, así como a renovación da iluminación e a mellora da accesibilidade, entre outras tarefas.
O orzamento estimado para esta segunda fase é de preto de 900.000 euros.