A Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra utiliza o incendio do pasado martes nun edificio da rúa Riestra como exemplo do que consideran "falta de persoal" do servizo de bombeiros.
Así, os representantes dos traballadores municipais denuncian "por enésima vez" esta falta de persoal e sinalan que o incendio constatou ese "déficit".
Sinalan que foi necesario pedir reforzos a servizos de extinción de incendios doutras demarcacións como O Salnés e O Morrazo.
Ademais, denuncian que "os poucos recursos humanos" que había no lugar "provocou que se tivese que priorizar o rescate de victimas aos labores de extinción, atrasando a súa extinción e, por conseguinte, que aumentase a súa intensidade".
Segundo explican, había medios materiais suficientes, pois no parque quedaron 4 vehículos de extinción e un brazo articulado que non se puido mobilizar até as 8 da mañá, tras máis de 7 horas de incendio, por falta de medios humanos.
Tamén o famoso robot de extinción e o dron cativo que ten o servizo de extención municipal tiveron que quedar sen usar durante a noite por esa falta de persoal, segundo denuncian.
"Todo iso non serve de nada si non hai persoas detrás que manexen esas ferramentas", critican, e sinalan que de garda só había 2 condutores, 2 bombeiros e un mando.
Con ese persoal, segundo indican, "dificilmente pódese acometer con garantía e seguridade un incendio calquera" e un incendio como o que sucedeu na madrugada do día 8, menos".
Ademais, indican que, mentres ardía o edificio de Riestra, non quedou ningún persoal dispoñible por si había algún accidente, rescate ou incendio noutra zona da cidade.
A Xunta de persoal realiza esta crítica para pedir un aumento de persoal nos bombeiros desta cidade e "que non se especule coas vidas das persoas de Pontevedra".