O Concello de Soutomaior vén de acadar unha subvención de 60.000 euros do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, para a renovación dos sistemas de calefacción e illamento de diferentes instalacións municipais.
Nomeadamente, renovaranse os sistemas de calefacción na parte dos vestiarios do campo municipal de fútbol Graciano Padín, os do Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’ e o do pavillón do CEIP Manuel Padín Truiteiro.
Ademais, substituirá o illamento térmico da galería interior da Casa do Concello.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "esta actuación é moi importante tanto en termos enerxéticos e ecolóxicos como económicos".
Ademais, engadiu o alcalde, segue a liña do goberno local de levar a cabo actuacións que teñan en consideración o coidado do medio ambiente e a nosa contorna natural, reducindo a pegada ecolóxica do Concello de Soutomaior.
O Concello xa levou a cabo o pasado ano a renovación das antigas e obsoletas caldeiras de gasoil do campo de fútbol de Salgueirón e da outra parte dos vestiarios do Graciano Padín.
Aquela actuación tamén acadou unha subvención do Fondo de Cooperación Local por valor de 55.000 euros.
"Mellorar a eficiencia enerxética das instalacións municipais non só reforza o compromiso deste goberno co coidado da natureza e do noso planeta, senón que tamén implica que o Concello destina menos recursos das arcas municipais a manter toda a rede de calefacción e illamento", dixo o rexedor.