Tres millóns de euros para executar proxectos deportivos e de saneamento. É o novo investimento comprometido pola Xunta de Galicia no municipio de Pontevedra.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a cantidade este sábado e indicou que o destino concreto destes investimentos será decidido polo Concello de Pontevedra.
Este investimento é un compromiso en firme da Xunta como resultado da reunión que mantiveron a semana pasada o presidente autonómico e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Rueda deu a coñecer a cantidade e tamén lembrou que estes tres millons súmanse aos "importantes" investimentos que a Xunta ten en marcha no municipio.
Así, lembra os 200 millóns do proxecto do Novo Montecelo (170 para o edificio e 30 millóns para equipamento) 30 millóns para o Centro de Alto Rendemento (CAR) de Galicia e máis de 17 para a reforma integral do Pazo de Lourizán e a súa contorna.
Lembrou tamén o presidente galego que están en marcha neste municipio 236 vivendas públicas en distintas fases de execución e tramitación e están en execución a senda Mollavao-Os Praceres (6,2 millóns de euros), a reforma da PO-531 a Vilagarcía de Arousa ao seu paso por Campañó (máis de 862.000) e as sendas de Xeve (máis de 2 millóns).
A piques de comezar están tamén as obras de mellora da iluminación da ponte medieval de Ponte Sampaio (0,5 millóns), avánzase xa na redacción do proxecto de trazado para a variante de Alba e a Xunta ten consignados 3 millóns de euros para a dragaxe do río Lérez.
Entre os investimentos que lembra Rueda para a cidade está tamén unha importante inxección económica no eido educativo, coa reforma do IES Valle Inclán (máis de 4,7 millóns de euros).
Ademais, a administración autonómica destina este ano 2,5 millóns a actuacións no convento de Santa Clara, o santuario da Virxe da Peregrina e a basílica de Santa María a Maior.