Xuntos Asociación de Síndrome de Down presenta á Xunta un plan de empoderamento de mulleres con discapacidade intelectual

Pontevedra
08 de xuño 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia Luis López visitaba as instalacións en Pontevedra e confirmaba axudas autonómicas por un importe global de máis de 15.232 euros ao presidente do colectivo, Manuel Pérez Cabo. 18.163 euros da administración autonómica tamén irán para un programa da Asociación pola Igualdade e a Coeducación de Marín

Visita de representantes da Xunta ás instalacións de Down Pontevedra
Visita de representantes da Xunta ás instalacións de Down Pontevedra / Xunta de Galicia

A Consellería de Emprego e Igualdade apoiará o desenvolvemento de programas de inclusión de mulleres en situación de especial vulnerabilidade a través do colectivo Xuntos Pontevedra Asociación de Síndrome de Down e da Asociación pola  Igualdade e Coeducación (Apico) de Marín.

Luís López, delegado da Xunta en Pontevedra, visitaba este martes as instalacións de Xuntos Down na Rúa do Gorgullón para informar da concesión das axudas a diferentes colectivos que traballan pola igualdade en distintos ámbitos por un importe global de máis de 33.000 euros.

A iniciativa que promove Down Pontevedra, segundo o seu presidente Manuel Pérez Cabo, céntrase en desenvolver un programa para empoderar ás mulleres entre o colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Este plan contará cun mínimo de 30 participantes e impartirase con 1.290 horas destinadas á formación. A Xunta inviste neste proxecto 15.232 euros.

O representante da administración autonómica destacou o labor que desenvolve esta entidade que cumprirá trinta anos consecutivos de traballo para apoiar a inclusión das persoas con síndrome de Down coa implicación de familiares. 

A Consellería de  Emprego e  Igualdade tamén destina unha achega de 18.163 euros para a Asociación pola Igualdade e a Coeducación de Marín. Con este diñeiro activarase un plan de loita, información e apoio integral ás vítimas de violencia de xénero. A iniciativa contará coa participación de 30 persoas e desenvolverase ao longo de 1.300 horas de formación.