Zafarrancho de limpeza nos ríos Gafos, Tomeza e Couso

Pontevedra
13 de febreiro 2021

A entidade ecoloxista Vaipolorío realizou este sábado tarefas de lImpeza dos ollos das pontes dos ríos Tomeza e Gafos. As enchentes das últimas semanas están a producir taponamentos polo arraste de pólas e diferentes elementos vexetais. Augas de Galicia realiza traballos de conservación nun tramo do río Couso en Xeve 

Limpeza no río Couso en Xeve
Limpeza no río Couso en Xeve / Augas de Galicia

Os ríos Tomeza, Gafos e Couso, todos eles con percorrido polo termo municipal de Pontevedra, están a ser obxecto dun completo zafarrancho de limpeza de distinta natureza e autoría. 

No caso dos ríos Tomeza e Gafos, a entidade ecoloxista Vaipolorío realizou este sábado tarefas de lImpeza dos ollos das pontes

Desde a asociación explican que as enchentes das últimas semanas están a producir taponamentos polo arraste de pólas e diferentes elementos vexetais.

No río Couso, a actuación corre a cargo de Augas de Galicia,departamento dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Trátase de traballos de conservación e limpeza nun tramo do río ao seu paso polo lugar do Couso, na parroquia de Xeve

Tamén neste río, as tarefas que se están a desenvolver céntranse na retirada das árbores e pólas caídas na canle que poden formar taponamentos, así como da madeira morta existente.  Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.